Emoción en Ribeira para conmemorar a II República

María Hermida
maría hermida RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Duascentas persoas asistiron a un debate organizado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica

07 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Fartos de almorzar cada día cun novo escándalo político ou de corrupción, actualmente non é fácil mobilizar aos cidadáns para que escoiten a representantes dos partidos ou das institucións. Sen embargo, hai excepcións. O sábado tivo lugar unha en Ribeira. Co gallo da conmemoración do Día da República, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza convidou a participar nun debate titulado Ante unha monarquía en decadencia a república como alternativa de Estado. E duascentas persoas acudiron a esta cita.

Nela, falaron representantes de tres partidos: Bieito Lobeira, por parte do BNG; Beatriz Sestayo, polo PSOE e Yolanda Díaz, de AGE. Tocáronse temas de total actualidade; a lexitimidade da actual monarquía borbónica, o futuro da mesma... E tamén se mirou ao pasado para analizar con detemento como foron as cousas coa II República ou que pasou durante a época de Adolfo Suárez. Os tres representantes políticos coincidiron en rexeitar con claridade a monarquía como modelo de representación e goberno por canto non está lexitimada polas urnas. E desexaron, os tres, un futuro republicano para España.

Sen enterros dignos

O público entusiasmouse cos temas tratados. Proba diso foi o enorme abano de preguntas feitas aos políticos e as intervencións nas que se puxo de manifesto que hai cousas que seguen causando moita dor, como o feito de non poder enterrar dignamente a persoas asasinadas durante o réxime franquista.

Realmente, o lugar elixido para celebrar o debate, o restaurante Jenaro, estaba tan ambientado que daba pé a que o público se animase. Non faltaron as bandeiras republicanas. E houbo unha intervención artística moi acaecida para o tema a tratar. O artista Che Tembra amosou esculturas alusivas á represión franquista de posguerra, sobre imaxes e textos de Castelao. Como non, xenial e ilustre rianxeiro que tanto denunciou as inxustizas, si ou si, tiña que estar moi presente no acto.

Tralo debate, houbo tamén unha cea, á que acudiron unhas cen persoas e na que se nomeou socios de honra a Xosé Alberte Lorenzo e Xoán Hermida. Igualmente, tamén se recoñeceu a labor do grupo audiovisual Sons e Visións, de Ribeira como figura republicana do ano. Precisamente, esta entidade está confeccionando un vídeo moi emotivo no que actores do grupo de teatro Airiños lle poñen voz e rostro as vítimas do franquismo. O sábado viuse un avance dese traballo; un produto audiovisual moi duro porque un escoita o que debeu pasar pola mente dos que despois acabaron mortos, asasinados en cunetas.

O documental busca honrar aos represaliados polo franquismo na comarca barbancesa. No acto había moitos familiares de persoas que sufriron estes dramáticos acontecementos.