Os libreiros premian en Rianxo o labor e o apoio a prol da lectura

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Monica FerreirosMonica Ferreiro

Elixen «Ulises» e «Ámote Leo» coma os mellores volumes do ano 2013

06 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A tradición que Rianxo ten no eido cultural está chamada a manterse viva. A Federación de Libreiros de Galicia elixiu esta vila mariñeira para entregar os seus premios, denominados Irmandade do Libro. Na cerimonia, que contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, desvelouse a identidade de boa parte dos galardoados nesta vixésimo terceira edición. Con antelación só se dera a coñecer o nome da ourensá Chus Pato como autora do ano 2013.

A relación de premiados complétase coa tradución que Galaxia fixo do Ulises de James Joyce como libro do ano na categoría xeral e coa triloxía Ámote Leo de Rosa Aneiros a nivel infantil e xuvenil. Tamén engrosan a lista o colexio Manuel Suárez Marquier (O Rosal), a colección Cociña infantil e familiar da editorial Ouvirmos, a biblioteca Valle-Inclán (Redondela) e a libraría Ramón Cabanillas (Cambados).

A presidenta dos libreiros galegos, Pilar Rodríguez, cualificou este acto coma o mellor xeito de «recoñecer a todos os que cren que traballar polas ideas, pola lingua, pola cultura é unha excelente achega para o desenvolvemento integral da sociedade e un investimento ambicioso para o futuro». Aproveitou a intervención para reivindicar a supervivencia dos libros de texto fronte aos soportes dixitais que se están introducindo nos colexios.

Feira en xullo

Pola súa banda, Xesús Vázquez destacou a importancia dos libreiros no proxecto integrador que precisa Galicia para «avanzar cara o obxectivo fundamental que pasa por darlle intensidade á nosa mensaxe cultural para producir e comercializar produtos marcados co selo da nosa identidade».

Tanto a Federación de Libreiros como a Consellería de Cultura confirmaron unha nova cita, en Rianxo, para o vindeiro mes de xullo. A vila mariñeira dará cabida, entre o 24 e o 27, á Feira do Libro, conseguindo colarse, por segundo ano consecutivo, na lista dos doce lugares de Galicia que darán cabida a esta proposta.

A cerimonia que onte tivo lugar no auditorio rianxeiro contou coa presenza do rexedor, Adolfo Muíños, e do tenente de alcalde, Carlos Gey. Un grupo de música local, Barahúnda, e a monologuista Isabel Risco precederon a entrega de premios.