Economía de necesidade

Francisco Ant. Vidal< / span> LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

06 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Como son doado de convencer, convencéronme de que nun almacén que hai nos arrabaldes da Coruña, vendíanse a prezo de saldo as cousas que, por cambio de moda ou tempada, se retiraban dos estantes dun famoso centro comercial. E aló fun. Certamente, como a todos nos gusta presumir de ter o mesmo có veciño pagando menos ca el ía con esa esperanza, pero tamén lembrando ó meu amigo Afonso, quen en certa ocasión se ría de min, por ter pagado case sete euros por unha entrada de cine para ver unha película de Amenabar na que aparecía a dorna de meu cuñado, mentres que el, negociante experimentado, mercoulle a uns manteiros esa mesma película pola metade do que eu paguei pola butaca; mais, xa na primeira escena, o DVD perdeu o son, e onde non estaba borrada a imaxe víanse graniños. Como dicía un meu avó, o barato sae caro.

Máis ca un almacén aquel recinto dos arrabaldes era como un desordenado faiado de casa antiga, con todo revolto como se fose unha feira sen feirantes, onde cada quen collía, remexía, engurraba ou tiraba sen que ninguén lle dixese nada. Só un vixiante paseaba entre os mostradores para que non houbese altercados do tipo «eu vin isto antes ca ti», ou por evitar a tentación de meter algún obxecto agochado baixo o abrigo. Había de todo, roupas boas e malas, prezos altos e baixos, cadeiras enteiras ou sen unha pata, e todo tipo de obxectos que eu apalpei coma calquera outro, ata que vin unha ola co fondo negro, de como que a alguén a quen se lle queimaran as lentellas a devolveu. E xa non merquei nada. Cada cousa ten o seu prezo e como é sabido, entre quen troca odre por odre algún levará o podre.

Vaia por diante que non creo nas gangas, neste mundo onde a competencia axusta calidade e prezo coa vista posta nas ganancias e nas contas de resultados, onde ninguén dá o que nin presta sen aval, e cando me veñen co conto da feira de aló, que todo é barato e todo bo, desconfío, como desconfío cando me falan de rebaixar os impostos que pagamos, porque dalgún lado han de saír as nóminas do médico ou do mestre do instituto, aínda que un garabateado señor me veña co conto de certos malabarismos económicos que non entendo: Mais, como é sabido que a necesidade crea crentes, aínda ando a voltas cos números e as palabras destes e daqueles, que mentres os de Cáritas alertan da alta porcentaxe de pobreza e da crecente malnutrición dos nenos, outros amósanos campos onde abrollan folliñas verdes sen medo a ningún escaravello, pulgón ou lesma que as malogre; e mentres se anuncia unha esperanzadora mellora nas cifras do paro e dos cotizantes, os números das nómina seguen á baixa, e entre debes e haberes o meu amigo Tucho, xubilado e na idade esa en que se di que hai que disfrutar da vida, descúlpase para non vir botar a partida, porque ten que coidar ós netos e facer a comida, a cea e a merenda para os fillos, que coas súas carreiras universitarias aínda cobran menos ca el que é xubilado fabril; e a veciña vénme co conto de que un vestido parecido ó da princesa fulaniña está na tenda a prezo de saldo, e vai a por el aínda que despois do primeiro lavado cambie de cor e de talla, porque presumir tamén serve de esconxuro contra o desconsolo e a tristura.