Callón aposta por recuperar un galego «máis noso»

RAQUEL IGLESIAS RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

marcos creo

O autor presentou en Ribeira, ante un cento de veciños, un libro para falar e escribir no idioma con fluidez

16 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Que o movemento cultural de Ribeira está moi vivo quedou demostrado esta fin de semana. Carlos Callón presentou na Casa do Pescador o seu libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, unha obra que pretende recuperar un galego «máis xenuino e máis noso», tal e como explicou o propio autor. Un cento de persoas asistiron ao acto, no que Callón compartiu mesa coa mestra Marián González e o presidente da asociación Altofalante, Carlos Lixó. O escritor mostrouse moi satisfeito co calor que lle brindaron os veciños.

Consellos prácticos

«Non se trata de apostar polo galego difícil, trátase de volver á fonte máis limpa». Así explica o escritor o que pretende co libro, que está a ter unha excelente acollida do público. Nas súas páxinas achéganse consellos prácticos dirixidos a aquelas persoas que teñan problemas cos trazos máis característicos do galego, como o infinito persoal, a colocación dos pronomes átonos, a pronuncia das sete vogais ou o uso correcto da fraseoloxía. Callón incide en que «os poblemas que hai para mellorar a nosa calidade lingüística non son de orixe gramatical, senón social».