«A afinación é a parte máis complicada dun instrumento»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Toca e elabora varias pezas de música tradicional

30 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Tivo o seu primeiro contacto coa música tradicional sendo neno, como moitos, asistindo a clases de gaita a xeito de actividade extraescolar. Pero, co tempo, o veciño de Nebra José Piñeiro decidiu dar un paso máis. Non conforme con só facer brotar distintos sons dos instrumentos, decidiu elaboralos. A día de hoxe é un dos artesáns desta especialidade máis destacados da comarca. Estes días, amosa unha pequena parte da súa obra no centro social de Boiro, coincidindo co programa Xaneiro tradicional.

-¿Cando e como deu ese gran paso que vai de tocar instrumentos a elaboralos?

-Non sei dicir cando empecei, sei que foi na década dos noventa. Desde cativo, eu traballaba con meu pai, que era torneiro e, pouco a pouco, fun aplicando os coñecementos que tiña no eido da madeira cara a elaboración de instrumentos.

-¿A que instrumentos lle dá forma?

-Fago instrumentos de música tradicional, como gaitas, frautas, zanfonas e tarrañolas.

-¿E hai demanda para vivir con este traballo?

-Todo depende do que un queira gañar. Eu sobrevivo e, dadas as circunstancias, xa é bastante.

-¿Que perfil teñen os clientes que mercan os seus produtos?

-É xente que empeza a tocar e, claro está, precisa un instrumento. Vendo sobre todo entre veciños de Barbanza, pero tamén percorro Galicia coincidindo coa celebración de distintas feiras.

-¿Cal é o instrumento que lle resulta máis complicado?

-Todos son complicados pero, se tivera que destacar un, diría que a zanfona. A afinación é a parte máis complicada dun instrumento.

-¿En que punto situaría a música tradicional na actualidade?

-Houbo un bum importante, pero creo que agora está un pouco á baixa. Houbo un tempo no que semellaba que non había outro instrumento que non fora a gaita pero, a día de hoxe, semella que a situación está estabilizada.

-E o futuro, ¿como se presenta?

-Quen sabe. Agora mesmo a situación está estabilizada e a gaita é unha opción ao alcance daqueles que desexan aprender a tocar un instrumento.

-¿E tamén o seu instrumento preferido?

-A min gústanme todos os instrumentos tradicionais pero, na actualidade, estou dedicado á zanfona. Ata hai pouco era un tanto exótico pero, co tempo, semella que se vai coñecendo cada vez máis.

-¿A exposición que ten en Boiro xunto con Roberto Figueira constitúe unha excepción na súa axenda habitual?

-Si, é unha excepción pola que me decidín tendo en conta que xaneiro é, para min, temporada baixa. Roberto e eu imos habitualmente a feiras e entre os dous decidimos unir as nosas pezas para esta exposición que, realmente, é unha pequena mostra do que facemos. Montar unha grande require moito tempo e traballo.

josé piñeiro artesán