«Lembro con cariño o ano do centenario, foi impresionante»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

18 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Desde hai uns meses, Cuca Sampedro goza de cheo das súas afeccións; a principal, percorrer o paseo marítimo de Coroso. De feito, acode ata dúas veces ao día a este, o seu recuncho preferido, para camiñar e tamén, sinxelamente, para agasallar a vista coa estampa do mar fundíndose coa terra. Aínda que esta temporada, a climatoloxía non está sendo bondadosa, esta ribeirense segue acudindo puntual ás súas citas coa praia urbana de Santa Uxía. Na recta final do ano pasado, cando se xubilou, cambiou a casa consistorial, na que exercía como conserxe, por este paraíso natural e semella que o troco lle gustou.

E iso que Cuca Sampedro recoñece que, tanto o auditorio como o concello, edificios nos que desenvolveu a súa faceta profesional ao longo de dúas décadas, foron como as súas segundas vivendas: «Agora podo dedicarme ao que realmente me gusta, ás miñas afeccións, pero é certo que, en parte, deume mágoa marchar. Alí deixei compañeiros estupendos e un feixe de amigos».

A ribeirense sinala que a etapa na que estivo vinculada ao departamento de Cultura foi a máis animada: «Coñecín a moitísima xente, actores, músicos, artistas...». Estando no auditorio, sucedeu en Ribeira un dos actos máis destacados dos últimos tempos, unha efeméride que Cuca Sampedro nunca será quen de esquecer: «Lembro con cariño o ano do centenario, foi impresionante. Foi unha época de moito traballo, pero feito con gusto».

Relación coa xente

Recoñece que o auditorio e o concello son mundos distintos, pero dos dous garda un fermoso recordo: «Eran traballos diferentes, pero os dous me gustaron porque estar de cara ao público e atender á xente sempre me tirou». Aínda que o de conserxe poida, nun primeiro momento, parecer un traballo rutinario; a ribeirense desminte esta percepción: «Se ben é certo que na casa consistorial si que se repetían bastante os labores a realizar, no departamento de Cultura había moito movemento, xa que con frecuencia saiamos á rúa a facer actividades».

Ao longo das dúas décadas nas que formou parte do grupo de traballadores municipais de Ribeira, Cuca Sampedro tivo ocasión de coñecer de preto ao exalcalde e actual senador José Luis Torres Colomer, ao que cualifica como «unha gran persoa que traballaba no Concello para atender á xente».

Das incontables ocasións nas que o veu en plena acción, a ribeirense quédase co seu xeito de actuar nos plenos: «Sempre procuraba estar do lado de todos os políticos, independentemente do seu partido, tratando de calmar o ambiente e conseguindo que non houbese altercados».

Cuca Sampedro, que tanto tempo pasou entre as catro paredes dos dous edificios que son os epicentros dos movementos cultural e administrativo de Ribeira, é sabedora das vantaxes e inconvintes que teñen estes inmobles: «O auditorio si que penso que é moi mellorable, pero a casa consistorial, entendo que cuns cantos arranxos sería suficiente».

barbanceses no seu recuncho Cuca sampedro