«Queremos axudar a espertar a creatividade dos cativos»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Prepara, xunto a Páramo, unhas unidades didácticas

17 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A mediados de decembro saíu á luz en Ribeira A cuadrilla da fonte navegante, un traballo discográfico que xurdira da representación teatral que Santi Páramo ideara para o Xuño Cultural. As súas letras foron convertidas en cancións por Suso Bello. O músico fai un balance positivo do lanzamento do cedé e sinala, como novo reto, chegar aos centros educativos.

-¿Que acollida está a ter o traballo?

-Funcionou bastante ben no Nadal e o concerto que se fixo no Círculo Mercantil foi xenial. O público está respondendo ben.

-¿En que están agora traballando os creadores da Fonte Navegante?

-Nestes intres estamos preparando a información e as guías didácticas para os colexios. Temos previsto facer presentacións nos centros, tanto cos mestres como coas ANPA. A idea é amosarlles un proxecto a medio prazo, de cara a estes meses de primavera.

-¿Que tipo de material lle van ofrecer aos colexios?

-A idea é ofrecerlles un conxunto con partituras, guías didácticas, ilustracións, as letras das cancións e, claro está, o cedé; co fin de que poidan facer un traballo completo. Incluiríase tamén a posibilidade de que os nenos visiten o estudo e realicen alí pequenas gravacións.

-¿Que se lle pretende transmitir aos nenos?

-A nosa intención é que os nenos se divirtan. Queremos axudar a espertar a creatividade dos cativos, que imaxinen, voen, soñen, canten, bailen, pinten... Trátase de actividades que xa propoñen os mestres, nós o que queremos é achegarlles material feito en Ribeira.

-¿Non haberá novos concertos?

-A proposta que se lle vai presentar aos colexios inclúe concertos en pequeno formato. A maiores, ofrecerémoslles actuacións coa banda completa para festivais.

-¿Que mensaxes están a recibir da xente da rúa?

-Pois o certo é que nos paran para dicirnos que o cedé lles está a gustar moito aos nenos e incluso nos mandan mensaxes. Sabemos que hai algún mestre que xa está empregando o disco no cole. Son temas alegres e variados, ideais incluso para os pequenos das garderías.

-Precisamente, o obxectivo era chegar aos nenos, ¿non?

-Si, por suposto. De feito, queremos ir un paso máis alá e poñer tamén en circulación vídeos para empregar como karaokes.

-¿Como se vai realizar ese material?

-Trátase de gravar vídeos coas cancións que van levar impresa a letra, polo que os nenos poderán cantar con nós. Imos incorporarlles incluso bailes. A idea era empezar xa, pero a climatoloxía estanos freando, porque queremos recorrer a espazos naturais da zona, como o dolmen de Axeitos, as dunas, a praia da Ladeira ou o monte da Garita. Deste xeito, damos tamén a coñecer o patrimonio.

suso bello coautor da «cuadrilla da fonte navegante»