«Un pobo que non pode darlle traballo aos mozos non é pobo»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

monica ferreiros

Afirma que o froito da súa constancia son as numerosas inversións logradas de outras Administracións de todas as cores políticas

29 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Síntese orgulloso de que estea en marcha a ampliación do polígono da Tomada e dos compromisos asumidos polas Administracións autonómica e central para facer obras como a construción do novo centro de saúde o a rexeneración das marismas.

-¿A urbanización da Tomada chegou demasiado tarde?

-Todo o que se faga para favorecer o crecemento económico é importante. Ampliouse o polígono porque temos unha comarca e un pobo que debe crear emprego. A este parque industrial veñen traballar moitos centos de persoas. Somos unha comarca privilexiada. A Pobra ten un paro do 7,8% e iso é un orgullo. O polígono vai unido ao peirao comercial, o máis importante en descarga de túnidos e unha fonte de riqueza. É certo que parte do terreo do polígono está sen vender, pero hai tres empresas moi importantes que están en contacto con Suelo Empresarial del Atlántico (SEA) para instalar as súas factorías na Pobra.

-Fala do baixo índice de paro no municipio e das alternativas para lograr un traballo, pero todo iso non parece suficiente para evitar que baixe a poboación.

-A poboación si que aumenta. Os datos municipais indican que o 1 de xaneiro había 9.657 habitantes e que agora mesmo a cifra de empadroados é de 9.714. Hai moita xente que traballa no municipio pero que está empadroada en concellos limítrofes.

-Toda a comarca está sufrindo a marcha da xente moza a países nos que teñen máis facilidades para empregarse, ¿como ve esta situación?

-Un pobo que non pode darlle traballo aos mozos non é pobo. Entre todos debemos conseguir que esta situación cambie.

-Falando de conseguir cousas, ¿ten algunha estratexia particular para recibir fondos de todas as Administracións, sexa cal sexa a súa cor política?

-Penso que é froito da constancia. Podo contar unha ocasión na que eu xa levaba tempo pelexando polo financiamento dun proxecto e buscando apoios na Administración. Despois de moito tempo fun recibido polo conselleiro correspondente e no transcurso da reunión díxome: «Podemos aportar 200.000 euros, non me pidas máis». En plena crise, eu podo dicir que mantiven o ritmo de inversións e teño prometidas xa varias para o vindeiro ano. Un alcalde ten que xestionar a consecución de fondos. A política é a arte de resolver os problemas.

-¿Como está a situación financeira do Concello?

-Este ano demos un paso moi importante. Cerramos cun remanente de tesourería negativo de 20.000 euros e partíamos dun balance negativo de 1,6 millóns de euros. Co plan de axuste conseguimos pagar aos provedores e agora aboamos as facturas aos noventa días. As contas gozan de boa saúde.

-¿Reduciron a débeda sen recortar servizos?

-Un alcalde debe saber con que fondos conta e que Concello ten. Como falamos antes, na Pobra fixéronse grandes actuacións financiadas ao 100% por distintas Administracións. Os impostos que se recadan deben ser para pagar os servizos. Nós mantemos as prestacións básicas e buscamos os fondos para facer obras.