O Félix Muriel gaña un premio polo seu labor a prol do galego

Ribeira / la voz

BARBANZA

13 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O instituto Félix Muriel de Rianxo conseguiu o primeiro premio de boas prácticas de innovación educativa desenvolvidas durante o curso 2012-2013 que concede a Consellería de Educación na sección de Mellora da aprendizaxe e do uso da lingua galega.

O proxecto do equipo de dinamización da lingua galega do centro rianxeiro leva anos traballando na mellora dos usos e actitudes cara ao galego do alumnado, das súas familias, do corpo docente e de toda a poboación.

Un grupo formado por 18 membros do profesorado de case todas as materias, por persoal non docente e por un número de alumnos e alumnas que se achega ao cento programan e desenvolven actividades, na maioría dos casos plurianuais, co obxectivo de fomentar o uso do galego en todos os ámbitos e a eliminación de moitos prexuízos que son os que impiden un uso normal da lingua maioritaria no centro e no entorno. A dotación económica deste premio, 3.000 euros, empregarase para continuar traballando na mesma liña.

Algunhas actividades

Charlas para mellorar actitudes, participación en videoconferencias con estudantes de galego no estranxeiro, máis de dez actividades realizadas coa biblioteca para o fomento da lectura ou un intercambio lingüístico e cultural con outro centro de ensino foron algunhas das propostas.