«Non se fala do polígono, pero non deixamos de traballar nel»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez NOIA / LA VOZ

BARBANZA

monica ferreiros

O Oujo empresario e o político veñen de cumprir dous anos de convivencia

24 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Superado o ecuador do mandato, e pese á súa falta de experiencia previa, Luis Oujo xa lle ten tomada a medida ao bastón de mando de Porto do Son e atópase cómodo na súa faceta política. Seguro do traballo realizado e de cales son as prioridades para o que queda ata as próximas eleccións, recoñece que a súa condición de empresario lle axudou a xestionar o Concello desde a súa chegada á alcaldía, uns meses nos que houbo luces e tamén algunha sombra.

-Chegou a alcalde sen ter experiencia en política, ¿que lado da balanza pesa máis? ¿O positivo ou o negativo?

-É certo que non tiña experiencia en política, pero si na xestión porque veño da empresa, e iso nestes tempos difíciles é fundamental porque hai que facer moitas cousas con poucos recursos. O balance dende logo é moi positivo. O noso principal obxectivo era o plan xeral e está encamiñado. Porto do Son quere medrar, pero de xeito ordenado e sen perder as nosas singularidades, as rúas estreitas, as casiñas pequenas... A xente vén aquí por iso, e se perdemos ese encanto de vila mariñeira perdémolo todo. E tamén queremos sacar adiante o PXOM para darlle seguridade á xente que queira investir no Son. Outro obxectivo que tiñamos e no que imos avanzando é o do saneamento, esperamos acabar o mandato co 80% do concello saneado. Tamén demos pasos para mellorar o abastecemento.

-No caso do abastecemento, teñen un convenio con Ribeira para captar auga do depósito de Moldes, ¿como se chegou a esta colaboración?

-Hai un moi bo entendemento co alcalde de Ribeira e ambos somos da idea de que é necesario colaborar para sacar adiante servizos. Creo que esta é a forma de traballar, ben con convenios ou mancomunando prestacións; nestes momentos difíciles é a maneira de facer cousas.

-É dicir, que continuarán traballando nesta liña.

-Si, claro. Xa temos o obradoiro de emprego conxunto e estamos intentando colaborar en temas de vixilancia de praias, tamén de limpeza e incluso a nivel turístico. Queremos aproveitar o potencial que temos os dous concellos para que a xente nos visite e quede aquí. Sempre digo que temos que traballar a nivel comarcal, non municipal.

-Antes falaba dos logros feitos, ¿cales son os obxectivos que quedan ata o fin do mandato?

-Aprobar o PXOM, sacar adiante os orzamentos do 2014...

-Vai día a día, polo que se ve...

-Hai que ir paso a paso. Non é o momento para proxectos faraónicos nin grandes investimentos, o que temos que facer é poñer os medios para saír desta situación e crear emprego. Temos que velar polo benestar da xente, non facer castelos no aire, é o que nos piden os veciños.

-Hai tempo que non se sabe nada do polígono industrial, outra das súas prioridades cando chegou, ¿non ten cabida na actual situación económica?

-Non se está falando do polígono do Son, pero non por iso deixamos de traballar nel. Igual agora non é o mellor momento para as empresas, pero é necesario. Unha vez que aprobemos o PXOM seguiremos en contacto coa consellería para sacalo adiante. Incluso estamos falando da posibilidade de intentar facelo con iniciativa privada.

-A que si que parece que vai adiante é a variante de Portosín.

-É unha infraestrutura moi importante porque nos sitúa a trinta minutos dun aeroporto, dunha futura estación do AVE e dun centro cultural e turístico como é Santiago. Queremos ser o mar de Compostela.

-Outro logro foi o Museo Marea, pero estivo preñado dunha inesperada polémica pola titularidade das pezas, ¿como se resolveu o conflito?

-O museo está funcionando moi ben, o problema está resolto e eu non lle dedicaría nin un minuto. Hai material de sobra.

Luis Oujo Alcalde de Porto do Son