«A fotografía é para min unha ferramenta de abstracción»

m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Expón en Porto do Son unha colección sobre ballet

05 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Pertence a unha coñecida saga de fotógrafos de Barbanza. Xa o avó de Patricia Esteirán se dedicaba a esta profesión, que despois continuou o seu pai. De feito, o negocio que fundou este último na vila de Noia segue sendo a día de hoxe un referente en toda a comarca. Patricia Esteirán forma parte do grupo de profesionais que está a fronte dunha empresa que iniciou unha nova singradura botando man da tecnoloxía dixital. Compaxina o seu traballo na tenda coa fotografía de carácter artístico. Este mes exhibe unha colección de traballos na casa de cultura de Porto do Son.

-¿Pode dicirse que aprendeu na casa a profesión?

-É certo que levo vinculada ao mundo da fotografía desde que nacín, pero estiven formándome no Blackpool&The Fylde College, no Reino Unido. Alí o título que se obtén en fotografía é coma unha licenciatura.

-¿Que amosa na exposición que ten en Porto do Son?

-Son 29 imaxes que corresponden a un día de ensaio do Moscow City Ballet, no marco dunha xira que o grupo fixo polo Reino Unido. Trátase dunha colección que estivera hai un par de anos no Liceo noiés.

-¿É ese o estilo de fotos que lle gusta facer?

-Gústame fotografar todo, bailarinas, xente, obxectos e paisaxes.

-¿Cal é o obxectivo que persegue cada vez que colle a cámara na man?

-A fotografía é para min unha ferramenta de abstracción. O meu único obxectivo é amosar a través das instantáneas a miña visión do mundo.

-¿Aspira a fotografar algunha escena ou algunha paisaxe en particular?

-Gustaríame fotografar un mundo no que a xente estivera en paz, un mundo no que reinara a igualdade e a xustiza.

-Amosa parte do seu traballo a través dun blog, ¿que buscar con esta ferramenta?

-Amosar o meu traballo, as miñas inquedanzas, os meus intereses. A través de patriestiran.blogspot.com busco sinxelamente dar a coñecer o meu traballo. O contrario sería coma o artista que agocha os cadros nun garaxe. Penso que todos buscamos que o noso traballo se aprecie, se comprenda e se comparta.

-¿Considérase entón unha artista?

-A fotografía é unha arte. Pode ser documental, plástica ou visual, pero é unha arte.