«A loita cultural seguirá coa imprenta ou recorrendo á Rede»

m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Defensor do papel, ve con incerteza o futuro debido aos recortes

20 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A piques de cumprir tres anos á fronte de Barbantia e cando o colectivo ven de iniciar un novo curso cultural, o noveno, Xesús Laíño mira ao futuro con incerteza. O presidente da asociación que marcou un antes e un despois na comarca culturalmente falando asegura que nunca tantos problemas económicos tivo a entidade para sacar adiante os seus modestos proxectos como na actualidade. Por iso, comprácese de ter logrado seguir a liña que marcou o seu antecesor no cargo, Antón Riveiro Coello.

-Difícil curso cultural este noveno...

-Os recortes en subvencións para a cultura e as dificultades dos concellos para colaborar con nós son cada vez maiores, pero nós seguiremos facendo o que poidamos cos medios que hai. Iso si, non son tempos doados.

-Pero, ¿obrigaron estes recortes a suprimir ou pospoñer algunha iniciativa?

-Existen máis dificultades para sacar adiante iniciativas como a publicación do anuario. Este ano vai saír pero, se a situación non mellora, para o que ven vai haber serias dificultades para sacalo á luz. O día a día podemos asumilo pero, para proxectos grandes hai que actuar con moderación. Temos pendente o libro das creadoras do Barbanza, que tentaremos rematar canto antes para, de momento, deixar de lado as iniciativas de envergadura.