«Resístome a dicir que Sacou morreu, segue a ser un selo»


ribeira / la voz

Hai un selecto grupo de nomes propios en Barbanza que son sinónimo de cultura. Un deles é Manuel L. Rodrigues. O noiés leva media vida creando e espallando literatura. Da súa man xurdiu, no pasado, un dos grupos culturais que máis pegada deixaron na comarca, Sacou. Agora, está de novo de plena actualidade, pois percorre a bisbarra xunto con Manuel Mariño presentando, de xeito musicado, o libro Antítese nativa, que viu a luz hai tres anos.

Algún dos poemas que forman parte desta obra xurdiron no que é o recuncho preferido de Rodrigues, o paseo fluvial de San Lázaro. A esta paraxe, o escritor acode con frecuencia «para pasear, escribir e, sobre todo, ler». A beleza do lugar é o que atrae ao noiés: «É un lugar moi fermoso. Retrotráeme ao que era o barrio de San Lázaro, de onde eu son, antes de que o urbanizaran».

Non se pode falar de Manuel L. Rodrigues sen tocar o tema Sacou, pola transcendencia que o grupo tivo no eido cultural barbancés e no desenvolvemento persoal do propio escritor. Lembra con nostalxia aqueles comezos da asociación: «Tiña 15 ou 16 anos cando aquel grupo de xente nos atopamos nun tempo de nun lugar. Lembro aquela época con ilusión, había a sensación de que estabamos facendo algo grande. Sacou foi unha escola para algúns dos que hoxe escribimos».

Nova etapa

As visitas de Méndez Ferrín, Carlos Casares ou Camilo Nogueira e as xornadas en defensa da cultura galega son os actos celebrados por Sacou que máis pegada deixaron no noiés. Aínda hoxe, Rodrigues segue a ter o colectivo na súa axenda: «Seguimos quedando cada venres para falar de literatura, pero en vez dunha ducia somos tres ou catro persoas. Tamén seguimos organizando actividades. Somos os mesmos, pero co nome de Acha Escrava, a editorial que rexento. Eu resístome a dicir que Sacou morreu, segue a ser un selo de calidade».

É que as premisas que no pasado motivaron a irrupción do colectivo no panorama cultural de Barbanza seguen hoxe de plena actualidade. Rodrigues entende que é necesario promover a cultura galega en xeral e a barbancesa en particular. A nivel autonómico, está convencido de que a cultura precisa aínda máis axuda agora que cando Sacou entrou en funcionamento: «Penso que estamos moitísimo peor que antes, nun momento no que case se cuestiona a lei de normalización lingüística».

Por fortuna, o escritor noiés é moito máis positivo cando se refire á cultura a nivel comarcal: «En Barbanza si que vexo un panorama completamente distinto. Diría incluso que nunca tanta actividade cultural houbo. A xente da comarca ten gañas, supoño que para contrarrestar de algún xeito a decadencia da cultura galega».

Rodrigues contribúe en gran medida a subir o nivel do panorama cultural barbancés.

barbanceses no seu recuncho manuel l. rodrigues

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos

«Resístome a dicir que Sacou morreu, segue a ser un selo»