O «Pájaro Pinto» uniuse á festa

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Carlos Blanco tirou do cancioneiro popular no pregón da Guadalupe

15 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

«Ai Rianxo, Rianxo, Pájaro Pinto, a ghanansia do peixe xa se vai indo». Co estribillo desta canción popular, que por unha vez e sen que sirva de precedente, foi o himno do primeiro día das festas da Guadalupe, iniciou o humorista arousán Carlos Blanco o seu pregón. El foi o encargado de inaugurar unhas celebracións que, como ben recordou o alcalde, se prolongarán durante sete días e oito noites.

Carlos Blanco xa viña advertido de que, en Rianxo, máis importante que o pregón é o chupitaso da media noite que sinala o comezo oficial das festas: «Xa me explicaron que ao mellor non estaba a xente para escoitar discursos, pero eu esforceime, traballeino, así que grazas por estar aquí».

E foi certo que fixera os deberes, porque no pregón do arousán non faltaron as referencias á orixe etimolóxica do nome do municipio nin ás ondiñas da Rianxeira e á Virxe Moreniña. Iso si, e como non podía ser doutro xeito, en clave de humor e con algunha que outra lección de fonética para os que teñen problemas ao pronunciar o xe: «Se sabedes dicir Shakira, sabedes dicir Rianxo, xo».

Aínda que Carlos Blanco quixo variar o guión e pechou a súa intervención cantando o Pájaro Pinto ao unísono coas centos de voces que ateigaban a praza Castelao, non esqueceu o himno de Rianxo: «Tiñades que ver como eu vin hai dous días a dúas mil persoas cantando a Rianxeira en Bilbao, cantando esas ondiñas que veñen e van, para desesperación dos turistas, que non saben que a marea sube e baixa».

Actualidade local

Demostrou tamén estar enterado da actualidade da vila e non deixou de preguntarlle ao alcalde polo pavo real vexetal desaparecido da rotonda da entrada a Rianxo, nin deixou pasar por algo un curioso incidente que tivo lugar na ría en agosto: «Entendede que para un humorista coma min sexa imprescindible felicitar ao patrón rianxeiro que este verán aterrou limpamente nunha batea. Oes, fállache o radar, e fállache, que lle vas facer. Agora sabemos que as batea son aparcamentos para iates».

A esta alturas do discurso, e aínda que ocorrencias como as do pavo real recibiron o aplauso das peñas concentradas na praza, o público comezaba a impacientarse agardando polas doce da noite para o chupitaso. Así que Carlos Blanco resumiu e, tras dar lectura aos nomes das Juadalupeñas que participarán nesta semana de festa e despois do xa tradicional «viva a Moreniña» e «que bote Rianxo» do presidente da comisión, chegou o momento da chuvia de bebidas de todo tipo que regaron un novo inicio da Guadalupe. Pero antes, o pregoeiro despediuse cunha gran ovación: «Para o que queima o monte, maldición eterna. E para vós, ¡as mellores festas do mundo!»

Moito humor

Nese momento abriuse a veda e a festa invadiuno todo. Mentres a música dos pinchadiscos poñía a banda sonora ao comezo das celebracións, a praza Castelao permanecía ateigada e as Juadalupeñas lucían o seu enxeño nas camisetas deste ano, nas que non faltaron, por exemplo, as alusións ao café con leite na Plaza Mayor da alcaldesa de Madrid.