
O grupo Foto-col.es leva dous anos organizando cursos en Lousame
10 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Foto-col.es é un grupo informal de mozos de Lousame que, despois de recibir unha subvención da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado dentro do Programa Iniciativa Xove, e tras organizar un obradoiro de iniciación á fotografía o ano pasado, puxo en marcha un curso de retoque fotográfico que tivo unha gran acollida. Gonzalo González forma parte, xunto a Nati Tubío, Natalia Teira, Silvia Cao e Jesica Fernández, dun colectivo que quere seguir ofrecendo novos proxectos.
-¿Como se desenvolveu o proxecto?
-O curso impartiuse en catro xornadas, os días 28 e 29 de agosto e 4 e 5 de setembro, cun horario bastante práctico xa que, no verán, o mellor era realizalo pola noitiña. Durante dúas horas somerxéronse no mundo do retoque de fotos e aprenderon a manexar varios programas. Tamén realizamos dúas andainas fotográficas. Gústanos a natureza e a fotografía, polo que é unha alternativa de ocio formativo moi boa e diferente. Ao final participarán nun concurso cos seus traballos.
-¿Por que consideraron axeitado facer estas andainas?
-É un xeito de desenvolver o espírito creativo de cada un e de aprender sen estar parado diante dun ordenador. O día 31 foi a andaina fotográfica ao San Ramón dende Fruíme, un fermoso percorrido que invita á fotografía, e o sábado puidemos gozar da andaina monumental por Santiago, unha ruta que non deixa a ninguén indiferente.
-¿Como está respondendo a xente a estas xornadas?
-Son moi participativos e están moi implicados. Moita xente está interesada nesta arte dende hai tempo e ve no taller unha forma de mellorar a súa técnica. Engancha a calquera idade e iso puidémolo ver no curso. Hai sobre todo xente de vinte anos en diante, pero tamén contamos con algúns alumnos de catorce.
-¿Cales son as bases do concurso que marca a fin do taller?
-Os que participaron nas andainas poderán presentar neste concurso, a finais de setembro, as fotografías que saíron desas rutas. Premiarase a orixinalidade, a técnica, a luz, entre outros factores. Os premios irán dende estancias nun spa a material fotográfico, e as fotos formarán parte dunha exposición dende o 27 de setembro ata mediados de outubro na casa da cultura de Lousame.
-¿Organizarán algunha outra actividade similar?
-Está tendo moi boa acollida e a nós gústanos organizar estas alternativas de ocio e aprendizaxe. Se contamos coa subvención iniciaremos algún outro proxecto sen dúbida.