O relato gañador do Avilés de Taramancos espertou gran interese na entrega do premio

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez NOIA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

31 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Un bo día para pasear, Scott! é o título do relato que resultou gañador da última edición do premio Antón Avilés de Taramancos, unha historia de humor e aventuras que onte, no acto de entrega do galardón, logrou espertar unha gran curiosidade e interese. Comentábao o propio concelleiro de Cultura, Javier Rodríguez, que despois de escoitar á autora do traballo quedou con ganas de saber máis dos catro cativos que protagonizan o conto.

O salón de plenos foi o escenario no que se desenvolveu un sinxelo acto no que a escritora ferrolá Ana Galego Gen tivo ocasión de agradecer o galardón -que se fallou o pasado mes de maio- e desvelar pequenos anacos da historia duns aventureiros cativos que se propoñen viaxar á Antártida pero finalmente acaban en Villablinos, un destino no que consideran que xa vai frío bastante.

O trasfondo de humor da historia e as cavilacións do narrador en torno aos rapaces tiveron un peso importante á hora de que o xurado acordara escoller esta obra entre as dezanove que se presentaron nesta edición do certame, a número doce.

Na entrega do premio interviñeron, ademais da autora e o concelleiro de Cultura, o alcalde, Rafael García Guerrero, e Xavier Castro, coordinador da revista Casa da Gramática.

Escultura e música

Ana Galego recibiu, ademais do premio en metálico co que está dotado o certame, unha escultura de Alfonso Costa, tralo que o músico Serafín Marcos pechou o acto cunha pequena actuación.