Lagarto Amarillo e Pignoise amenizarán as festas ribeirenses

sara martínez / A. Gerpe RIBEIRA/ LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

As actividades de mañá foron suspendidas ou aprazadas polo loito

30 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A comisión de festas presentou onte no auditorio de Ribeira, xunto coa concelleira de Cultura, Elvira Pisos, o programa das celebracións estivais, que teñen como actuacións estelares as de Lagarto Amarillo e Pignoise. Sen embargo, a edila Elvira Pisos recalcou que, nesta ocasión, «a cita verase envolta por un clima de tristura e amargor».

Inicialmente estaba previsto que as actividades arrancasen ás dez da mañá co pasarrúas pero, por mor do accidente ferroviario de Santiago, e respectando o loito oficial decretado pola Xunta de Galicia, o inicio do programa aprázase ata as doce da noite. «Os cambios non puideron incluírse no libro dos festexos nin na cartelería, que xa se encontraba na imprenta», indicou a edila.

As modificacións afectarán ás bombas de palenque e dianas e alboradas a cargo dos grupos de gaitas Gandaina e O Pichote que eran os encargados de espertar aos ribeirenses. Tamén se decidiu suspender a actuación do grupo de monicreques emPraza-2 xunto co pregón, a cargo de Álvaro Benito Villar, cantante do grupo Pignoise.

O resto de actividades da xornada aprazáronse. Así, os ribeirenses poderán disfrutar da ruada a cargo da Banda de Música de Negreira durante a procesión do Carme e da actuación de Diversons o día 5, ás 22.00 horas, o que prolonga un día máis estas festas do verán.

Cambio na verbena

A gran verbena a cargo da orquestra Tango animará a noite cunha pequena modificación no seu horario, aprazando o espectáculo unha hora. O Malecón encherase de música a partir das doce da noite.

Pola súa banda, Pignoise actuará na praza de España ás doce e media da noite. A outra intervención estelar, Lagarto Amarillo, terá lugar o sábado.

Na presentación, o presidente da comisión de festas, José Andrés Alonso, xunto coa edila Elvira Pisos destacaron a imaxe que recollen tanto o cartel como o libro das festas.

Trátase da obra de Uxía Valiño, alumna de primeiro da ESO do colexio Galaxia, que foi a gañadora do primeiro certame de Pintura Escolar Concello de Ribeira, a súa creación leva por título A casa dos peixes.

No programa tamén hai un apartado dedicado á música máis autóctona. Un intérprete galego que formou parte de Milladoiro, Roi Casal, ofrecerá composicións do seu último traballo en solitario o venres. Os amantes do fado teñen unha cita con María do Ceo.

Tamén hai espazo para os máis pequenos. O xoves, ás once da mañá, celebrarase o tradicional Festiribeira e o venres haberá un parque de inchables na praza do Concello.