Faustino Rey Romero cobra vida no seu Rianxo natal

Ricardo Losada reeditou un libro sobre a súa obra e prepara unha biografía


ribeira / la voz

De algún xeito, Faustino Rey Romero volveu a noite do venres a cobrar vida en Rianxo. Numerosos veciños quixeron despexar incógnitas da vida do cura de Isorna da man de dous especialistas na materia, Xosé Ricardo Losada, autor, por encargo do Concello, da reedición dun libro sobre a obra do autor; e Xesús Santos, responsable da primeira edición do volume.

Foi este último o encargado de facer un resumido percorrido pola vida de Rey Romero, destacando, por exemplo, a súa implicación coa cultura e as tradicións, que se veu reflectida no Ateneo do Ullán, un grupo desde o que impulsou a instauración do Pedrón de Ouro e a romaría vikinga. Tamén lembrou algunha anécdota coma o gusto que tiña por piropear ás mozas ou o hábito de sacar a sotana cada vez que viaxaba a Madrid.

Foi Ricardo Losada o que profundou sobre a gran incógnita que rodea ao cura de Isorna e que está vinculada coa súa morte. Faleceu en Bos Aires como consecuencia dunha caída e, mentres que a versión oficial di que se tratou dun accidente, a familia sempre mantivo a teoría do asasinato e incluso se chegou a barallar unha terceira hipótese, o suicidio.

Losada explicou estas tres posibilidades lendo un dos capítulos da biografía que elaborou sobre Faustino Rey Romero e que confía que vexa a luz o ano que ven. Tamén falou da complicada personalidade do cura de Isorna, ao que cualificou coma «un incomprendido da época».

Moitas sombras

O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, foi o que abriu o acto, destacando o interese do Concello en promocionar a cultura en xeral e a obra deste importante escritor local en particular. Engadiu que foi esta pretensión de arroxar luz sobre a pegada de Faustino Rey a que levou ao goberno a reeditar o libro sobre a súa obra, unha vez esgotada a primeira publicación.

No acto interveu tamén o secretario de Política Lingüística, Valentín García, que fixo fincapé nas sombras que se cernen sobre o pasado do cura de Isorna, apuntando que fan máis necesaria a biografía que ten preparada Ricardo Losada.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos

Faustino Rey Romero cobra vida no seu Rianxo natal