«Non reprobo os best-sellers, pero hai outra literatura»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Avoga polo humanismo e o achegamento da escrita á vida cotiá

16 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

«Sempre busquei a maneira de ensinar literatura de xeito coloquial»

Despois de toda unha vida a cabalo entre o xornalismo e a docencia na especialidade literaria, facetas que para el son unha soa, Luis Blanco Vila refuxiouse no seu Boiro natal para culminar un proxecto que levaba vinte anos rondándolle pola cabeza. O froito dese peche voluntario é Literatura y existencia, un libro a camiño entre o ensaio e a novela, no que o autor defende o lado humano da arte, da cultura e, consecuentemente, da literatura fronte ás correntes vangardistas que se estableceron trala crise das ideas da segunda metade do século XIX.

-Tan importante era para vostede este libro que ata decidiu adiantar a xubilación...

-Xubileime un ano antes na universidade para, entre outras cuestións, rematar este libro. Máis que rematalo, o que me quedaba pendente era reducilo á metade, pois cheguei a ter 1.500 folios.

-Aínda así, quedou un volume de case 700 páxinas, máis que suficiente, ¿non?

-Si, pero aqueles que tiveron ocasión de ter na man a versión case definitiva, o máis preocupante que me dixeron era que se lía con facilidade, coma unha novela.

-¿Vai dirixido entón ao común dos mortais?

-Non só ao común dos mortais, senón que busca o diálogo e a controversia. O tema principal é un intento por aproximar a literatura á vida. Eu avogo pola recuperación do humanismo na literatura e na cultura en xeral, fronte ao gran cambio que se produciu a mediados do século XIX, coa revolución industrial e o éxodo da poboación cara as cidades.

-¿Pode falarse na época actual de outra gran crise de ideas?

-Eu diría máis ben que estamos repasando ideas, porque novas hai moi poucas. Sempre fun partidario de revitalizar esas ideas. André Gide (Nobel de Literatura no 1947) dicía que a literatura sen vida é letra morta. Penso que agora estamos volvendo a darlle vida á literatura. Trátase de seguir mantendo aos autores clásicos. Eu sei que ler o Ulises de James Joyce é un castigo, pero todos os meus alumnos tiñan orde de facelo.

-O seu libro arranca precisamente coa despedida dos que foron os seus últimos alumnos, coa derradeira clase. ¿Está orgulloso do labor realizado?

-Cando entro na redacción dunha emisora de radio ou dunha televisión hai moita xente que se levanta e iso non pode dicilo calquera. Pola miña aula pasaron miles de alumnos, dos que aínda conservo as fichas. Un grupo moi heteroxéneo, desde Elsa Pataki ou Miriam Díaz Aroca ata Roberto Arce, Juan Gómez-Jurado ou Carlos García Hirschfeld.

-Despois desa intensa traxectoria profesional, tanto a nivel xornalístico como docente, ¿por que era tan importante sacar á luz este libro?

-Porque ven a ser un resumo de todo o meu labor docente. Sempre busquei a maneira de ensinar literatura coloquialmente, que a xente a vira como algo normal e natural. O libro quere ser unha síntese de 44 anos, desde o 1962 que empecei na Facultade de Filosofía e Letras, con Dámaso Alonso, ata o 2006.

-¿Donde lle gustaría que rematase o libro?

-Aínda que está claro que non se vai vender a modo de best-seller, ten moitos sentidos. O fundamental é que pretendo que poida servir de apoio para os estudantes universitarios da rama de humanidades. Na segunda parte inclúe útiles fichas de autores, con biografía e obras. A primeira está dedicada a esa ilusión da literatura como arte que entre na vida, nos problemas cotiás, nos sufrimentos da xente. Non reprobo os best-sellers, pero véxoos coma elementos de distracción, hai outra literatura.

-Para a presentación do libro, que terá lugar o mércores, elixiu un escenario de altura, Madrid, e un compañeiro destacado, Darío Villanueva...

-Si, a Darío Villanueva pedinllo eu porque é unha eminencia en materia literaria e el accedeu. Para min é unha honra poder contar con el. O certo é que me gustaría tamén que, nun futuro próximo, houbese unha presentación do libro en Santiago, xa que ten unha categoría importantísima a nivel universitario.