Os barbanceses ávidos de cultura plantáronlle cara ao mal tempo

m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

SIMÓN BALVÍS

Creatividade e tradición volveron a darse a man na concorrida romaría que Barbantia celebrou en Goiáns

18 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Non amenceu o día como moitos barbanceses desexarían, pero o mal tempo non foi motivo suficiente para poñerlle freo aos veciños ávidos de cultura. Foron moitos os que decidiron plantarlle cara aos chuvascos e a unhas temperaturas pouco propias desta época do ano para sumarse ás actividades que se desenvolveron ao longo e ancho da comarca con motivo da gran Festa das Letras.

Un dos puntos quentes de Barbanza foi a finca do pazo de Goiáns. Esta paraxe foi o incomparable marco elixido, por terceiro ano consecutivo, pola asociación Barbantia para celebrar, por todo o alto, o 17 de maio. Alí, creatividade e tradición volveron a darse a man para, entre chuvieira e chuvieira, propiciar que os numerosos asistentes se empaparan de cultura.

Varias agrupacións folclóricas de música e baile encargáronse de darlle a benvida a aqueles que non se deixaron amedrentar pola inestabilidade meteorolóxica. Baixo as carpas instaladas nos arredores do pazo, que por momentos rexistraron un cheo absoluto servindo de cobixo da chuvia, apostáronse artesáns coma o rianxeiro Che Tembra, que desvelou as técnicas de modelado do ferro; ou José de Nebra, que chamou a atención do público amosando, paso a paso, o proceso de montaxe dunha gaita.