A Xunta premiou, por segundo ano, unha exposición que fixeron os nenos sobre o gran protagonista das Letras Galegas
16 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Algo debe ter a auga que beben os rianxeiros para que tanta arte corra polo seu corpo. Os alumnos do colexio Castelao volveron gañar, por segundo ano consecutivo, o concurso-exposición que organizou a Xunta para homenaxear ao protagonista indiscutible das Letras Galegas. Vidal Bolaño xa é un alumno máis neste centro escolar.
Actor, autor e público de aquí é o título da mostra. A colección de láminas difundirá en preto de 2.000 puntos de Galicia e de todo o mundo a produción teatral e escenográfica do dramaturgo compostelán, así como o contexto histórico e sociolingüístico no que viviu.
O acto de entrega deste galardón contou coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o coordinador cultural provincial de Cultura e Educación, Manuel Varela Rey; o rexedor, Adolfo Muíños, e o director do colexio, Daniel Weyner.
Os nenos foron parte activa na celebración e escenificaron unha peza teatral que incluíu a dramatización de fragmentos da obra de Vidal Bolaño e Castelao. Muíños mostrouse orgulloso de contar cuns veciños moi pequenos pero cheos de talento.