O renovado BNG barbancés reclama a derogación da reforma laboral

La Voz

O BNG de Barbanza vén de rematar a súa renovación coa constitución do seu novo consello comarcal. Nunha reunión na que se estableceron os postos de responsabilidade dentro do órgano de goberno da formación tamén se concretaron unha serie de resolucións entre as que destaca a reclamación de derogación da reforma laboral á vista dos últimos datos da enquisa de poboación activa.

Na opinión dos nacionalistas barbanceses, a reforma impulsada polo goberno de Rajoy «unicamente está orientada a favorecer o despedimento de miles de traballadores», polo que, na véspera do Primeiro de Maio solicitaron a súa inmediata derogación e fixeron un chamamento á participación nas manifestación convocadas para mañá.

Outro dos asuntos aos que fai referencia o BNG nas súas resolucións é o dos afectados polas preferentes e subordinadas. Censuran aos deputados do PP «que acaban de aprobar outra norma para executar o roubo dos aforros» de centos de persoas e consideran que mostraron un «comportamento demagóxico» por afirmar solidarizarse cos afectados ao tempo que apoian políticas que os prexudican. Polo tanto, din os nacionalistas, «ao non representaren á cidadanía, merecen a nosa reprobación pública». Ademais, o BNG súmase ás voces que esixen a devolución íntegra do diñeiro dos aforradores e mostran a súa vontade «de defender ás vítimas e non aos ladróns».

Consello comarcal

En canto aos postos de responsabilidade no consello comarcal, quedaron repartidos do seguinte xeito: André Severino Romero e Raquel Suárez son, respectivamente, responsable e vicerresponsable comarcal; Xosé Manuel Casal ocuparase de área de política municipal e Daniel Ermo da de finanzas; mentres, os responsables locais son: Tobías Betanzos (Rianxo), Carlos Blanco (Boiro), Ramiro Ouviña (A Pobra) e Vicente Paz (Ribeira).

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

O renovado BNG barbancés reclama a derogación da reforma laboral