«As prendas que fago para os cativos son ?repipis?, pero teñen un toque moi persoal»

La Voz

BARBANZA

24 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

As nenas soñan con ser princesas e Eva Benita Otero logra que os seus deseños parezan como sacados dun conto. Esta rianxeira de tan só 28 anos foi capaz de facerse un oco no mundo da moda e cumprir así un soño que comezou cando vestía ás súas bonecas. O seu taller é todo color e fantasía.

-¿Foi doado chegar ata onde está agora no mundo da moda infantil?

-Non foi un camiño de rosas. Ás veces cheguei a desesperar, aínda que teño o apoio da miña familia e da miña parella. As miñas clientas tiran de min para que non me desanime nas épocas nas que me encontro máis apagada. Agora síntome afortunada e non me gustaría volver aos inicios.

-¿Cree que os mozos deberían valorar seriamente a opción de emprender para saír deste momento de crise tan angustioso?

-Penso que teñen dúas opcións, ou intentar loitar polos seus soños ou facer cola no Inem. As redes sociais que manexamos os mozos son de gran axuda para dar a coñecer os nosos proxectos.

-¿Son as súas pendas máis caras por ser exclusivas?

-Son asequibles, aínda tendo en conta que non haberá nada igual. Podería subir o prezo, pero nestes momentos no que trato de darme a coñecer non sería moi acertado.

-¿Cal cre que é o segredo do éxito dos deseños de Mi Vestido Encantado?

-As pendas que deseño para os cativos son repipis, pero teñen un toque moi persoal. Ademais, ofrezo un trato moi próximo ás clientas, aínda que se atopen na outra punta de España.

-¿Cantas horas pode pasar metida entre as catro paredes do taller?

-Non as conto. Prefiro non facelo para non deprimirme, son moitas. Aínda que non teña moitos encargos debo preparar a seguinte colección. Encárgome eu de todo o proceso.

«As miñas clientas tiran de min para que non me desanime cando estou apagada»