As vieiras mazaricanas de Méndez Ferrín

Xoán R. A. mazaricos / la voz

BARBANZA

17 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Pese á sobriedade que caracterizou as máis de tres horas de duración do acto de entrega do pergameo e da medalla de fillo predilecto a Manuel González, tamén houbo momentos distendidos onde mesmo se escoitaron risas nas butacas do centro sociocultural mazaricano. Foi o alcalde, José Manuel Santos Maneiro, o que, rompendo o severo protocolo que caracteriza a este tipo de actos, interrompeu o seu discurso para baixar do escenario e entregar ao expresidente da RAG Xosé Luís Méndez Ferrín unhas cunchas de vieira.

Tal e como relatou na súa intervención o mandatario local, con certa ironía, tratábase das cunchas verdadeiras recollidas na obra teatral do autor ourensán Celtas sin filtro, onde se facía referencia a Mazaricos como orixe deste elemento empregado como instrumento polos grupos de música tradicional aos que se criticaba no relato. Xosé Luís Méndez Ferrín respondeu ao agasallo do rexedor cunha aperta en sinal de agradecemento.

O mesmo agradecemento e admiración que dixo sentir por Manuel González, ao que sinalou como un dos principais responsables de que o galego estea comezando a considerarse unha ferramenta útil en todos os ámbitos do saber.