Que a literatura galega tome impulso. Este é o obxectivo do certame de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos, que foi presentado onte en Noia. Para animar aos amantes da literatura a participar establécese un premio de 3.000 euros, ademais dunha escultura conmemorativa de Alfonso Costa e a publicación da obra. Poderán concorrer todas as persoas, maiores de idade, de calquera nacionalidade, cun único traballo en galego de temática libre e que sexa inédito, sempre encadrado no relato de aventuras.
O obxectivo é descubrir novos talentos, polo que se establece nas bases que todos aqueles que xa gañaran unha edición non se poderán volver a presentar. Os detalles foron expostos polo concelleiro de Cultura, Javier Rodríguez, e o director do Virxe do Mar, Xavier Castro.
O xurado
Tal e como se explicou, o xurado terá todas as facultades para decidir o premio, que poderá quedar deserto. Este grupo estará composto polo alcalde de Noia, Rafael García Guerrero, ou a persoa na que delegue, que actuará como presidente; un membro da revista cultural Casa da Gramática fará de secretario e tres vogais que terán un recoñecido prestixio no eido das letras galegas. O veredicto coñecerase o 24 de maio, mentres que a presentación dos traballos poderá facerse ata o 19 de abril.