As verbas de Ramón Sampedro resoaron de novo nas Furnas

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Amigos e familiares leron poemas dos libros do tetrapléxico

14 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Din os amigos de Ramón Sampedro que ata a meteoroloxía se alía con eles cada ano. Onte, polo menos, foi así. Despois dunha intensa treboada, no ceo das Furnas abriuse un enorme claro minutos antes da unha da tarde, momento no que medio cento de persoas se achegaron á «pedra maldita», desde a que o tetrapléxico se lanzou aquel fatídico 23 de agosto de 1968. Querían, coma sempre por estas datas, renderlle unha homenaxe mediante a lectura de poemas seus e o lanzamento de caraveis vermellos á auga; pero tamén deixar constancia de que a férrea loita que el emprendeu sigue aínda viva.

Un dos promotores do acto, Xosé Lois Vilar, explicou que os amigos de Sampedro seguen reivindicando o dereito a unha morte digna: «A nosa función é estende esta idea de xeito que acabe chegándolle a todos, incluso a aqueles que agora non a comparte. Por iso estamos aquí, penitentemente, como cada ano, batendo como fai o mar».

E precisamente onte, o mar das Furnas batía con forza. A mesma que impregnaron nas súas verbas os encargados de poñerlle voz aos reivindicativos poemas que un día escribiu Ramón Sampedro. Os representantes de Dereito a Morrer Dignamente (DMD) Carmen Vázquez e Joaquín Fernández; o concelleiro socialista Xoán Pastor Rodríguez; a sobriña do homenaxeado Manola Sampedro e mesmo o neno Martín Casais, fillo doutra sobriña do tetrapléxico, sumáronse á lectura. Eran, en boa parte, textos extraídos do libro Cartas desde el infierno, pero tamén había algunha poesía inédita, das que integran un volume que Sampedro lle regalou ao seu bo amigo Pepe Vila, exemplar que este foi quen de compartir onte con todos os presentes.

Un ano máis, os congregados nas Furnas fixeron uso da que foi a gran arma de Sampedro: a poesía. Os versos que el mesmo escribiu cun lapis pegado á boca, recollidos en Cartas desde el infierno, convertéronse nun alegato en favor da eutanasia. El empregounos para reclamar un dereito a morrer que lle foi denegado polos tribunais.