Cáritas de Noia repartiu 50.000 quilos de comida no 2012

M.?g. Noia / La Voz

BARBANZA

13 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Durante as últimas semanas, sobre todo co gallo das festas navideñas, Cáritas de Noia levou a cabo unha intensa campaña para espertar conciencias e buscar a solidariedade dos veciños. O esforzo que se fixo tivo un gran resultado, a xulgar polo balance feito polo responsable da organización, José Luis Rodríguez Hermo, que agradeceu toda a colaboración prestada, sobre todo pola crecente demanda de familias sen recursos. De feito, durante todo o ano pasado, a institución repartiu uns 50.000 quilogramos de alimentos entre os veciños con dificultades económicas.

Rodríguez Hermo explicou que a demanda medrou moito e que se está atendendo a unha media de 180 familias cada mes. Esta cifra, sen embargo, veuse incluso incrementada durante as festas do Nadal, xa que foron máis de duascentas as familias que se beneficiaron da campaña de recollida de alimentos que se levou a cabo en todos os colexios e supermercados do municipio noiés.

Neste sentido, o presidente de Cáritas de Noia cuantificou en máis de cinco toneladas a cantidade de alimentos que se distribuíu nesas datas grazas á colaboración da veciñanza, o que permitiu que moitos cidadáns que se atopan nunha situación delicada puidesen pasar as festas da mellor maneira posible.

Ademais da recollida de comida, nas últimas semanas tamén se levaron a cabo unha serie de festivais e actos benéficos para recadar fondos para Cáritas que tiveron una gran participación.

Agradecementos

Rodríguez Hermo agradeceu un por un a todos os colectivos que colaboraron o esforzo realizado para sacar adiante iniciativas coma o festival da Coral Polifónica de Noia coa banda de música de Lousame; o belén vivinte do colexio Jaime Balmes; unha gala de kick boxing coa que se reuniron 2.200 euros e o festival de panxoliñas que organizou o conservatorio noiés.

Por outro lado, a venda de lotería de Nadal tampouco foi mal, e Cáritas puido sumar máis de 2.500 euros, aos que se engade a cantidade doada polo alcalde, Rafael García Guerrero, e os edís Marisol Villar e Javier Rodríguez, correspondente ás súas respectivas pagas extra.