Barbantia presentará en Lousame o oitavo anuario

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

No acto, presentado pola rianxeira Esther Carrodeguas na casa da cultura, tamén se entregarán os Sereos

11 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O mundo da cultura comarcal ten unha nova cita esta semana da man da asociación Barbantia. Será o sábado, na casa de cultura de Lousame, lugar escollido para a presentación do oitavo volume de Barbantia. Anuario de Estudos do Barbanza 2012. O acto terá lugar ás 12.30 horas e estará conducido pola rianxeira Esther Carrodeguas. Ao mesmo tempo darase a coñecer o número 80 de A Voz de Barbantia.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e un representante da Deputación de A Coruña, organismo que colaborou na edición, acudirán ao encontro, no que intervirán o presidente de Barbantia, Xesús Laíño, e Manuel Cartea, un dos coordinadores do anuario e vicepresidente da entidade.

A publicación inclúe na súa parte final un capítulo dedicado aos actos culturais que Barbantia levou a cabo na bisbarra no último ano, dende outubro do 2011. O limiar é obra de X. Ricardo Losada. Nunha primeira parte hai seis artigos, obra de José Antonio Vázquez Vilanova, Pedro García Vidal, Ramón Blanco, Xoán Pastor Rodríguez Santamaría e Daniel Bravo.