Trinta e cinco anos de socialismo

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

SIMÓN BALVÍS

A agrupación do PSOE de Boiro festexou o seu aniversario cunha homenaxe a un dos fundadores, José García Silva

10 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O PSOE de Boiro está en pleno proceso de renovación tralo relevo tanto na executiva coma no grupo municipal, e quizais por iso houbo quen considerou necesario botar a vista atrás e recordar a longa traxectoria dunha agrupación que acaba de soprar as 35 velas. A familia socialista boirense reuniuse na tardiña do sábado para festexar o aniversario e, xa de paso, render unha merecida homenaxe a un dos fundadores da agrupación: José García Silva.

Entre os convidados ao acto, ademais de militantes e simpatizantes, estaba o secretario xeral do PSOE provincial, Francisco Caamaño, que aproveitou a súa presenza en Boiro para facer unha chamada ao optimismo, a ilusión e o traballo de cara ao futuro. Foi unha reunión moi familiar, na que cada quen fixo a súa aportación levando comida e bebida e na que os socialistas apelaron á unidade para superar tempos difíciles.

No que respecta ao homenaxeado, recordou como un grupo de oito ou nove amigos se puxo mans á obra no ano 77 para poñer en marcha o PSOE boirense e como foron «tirando para diante» ata que no 83 obtiveron como recompensa a alcaldía de Boiro. José García Silva leva traballando para a formación socialista desde o primeiro día, e desde antes incluso, cando, na emigración, comezou a colaborar co partido socialista en Francia: «Eu daquela xa sabía o que era a democracia».

Membro activo

Formou parte de todas as executivas do partido a nivel local ata agora, xa que considera que «hai que deixar que veña outra xente», e a agrupación, encabezada por Jorge Campaña, considerou que chegou o momento de recoñecer o seu labor cunha pequena homenaxe na que se lle fixo entrega dun faro de Corrubedo de Sargadelos: «Quedei sorprendido, non esperaba iso», confesou García tralo acto.