Comienzan en Carnota las jornadas dedicadas a la catástrofe del «Prestige»

Sande

BARBANZA

SANDE

06 dic 2012 . Actualizado a las 22:15 h.

O xornalista Xosé Manuel Pereiro presentou onte en Lira o seu libro Prestige; tal como foi, tal como fomos. O acto encadrouse nas xornadas promovidas polo Concello de Carnota, as confrarías de O Pindo e Lira e outras asociacións baixo o lema Dez anos de loita por un mar de vida, que se desenvolverán esta fin de semana.

O autor do libro dixo na presentación: «Un accidente coma o do Prestige converteuse nun desastre total. O risco dun novo sinistro no mar persiste, e non teño claro que esteamos mellor preparados que daquela para afrontalo con garantías». E engadiu: «É sorprendente que todos os que tiveron algún cargo de responsabilidade durante esa desgraza medraran e sigan a dispor de postos de gran relevancia política, social e mesmo económica».

Pereiro reflexionou sobre a catástrofe asegurando que se produciron «dúas situacións antagónicas: púxose de relevo a ineptitude das autoridades, e ao mesmo tempo aflorou a dignidade da xente. Por iso pode dicirse que nunca, en ningún lugar do mundo, houbo unha iniciativa como a promovida por Nunca Máis, e que contase co apoio unánime de toda a poboación de Galicia».

O desastre producido polo Prestige «causou un cambio de mentalidade, un trastorno social transitorio nos galegos. A ausencia do Estado ante do afundimento cóbrese cunha marea branca de voluntarios que limparon as costas de chapapote e a indolencia política», comenta Pereiro na súa obra.

O alcalde de Carnota e o editor da publicación, destacaron a importancia do libro para manter vivo na memoria da xente o acontecido hai dez anos, e amosáronse desconfiados sobre a capacidade para atallar outro accidente similar.