Este terceiro volume recolle os 25 suplementos culturais publicados no xornal entre o 29 de xaneiro do 2010 e o 25 de maio do 2012
25 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Con prólogos do presidente de Barbantia, Xesús Laíño, e do delegado de La Voz de Galicia en Barbanza, Moncho Ares, o venres presentarase en Outes o terceiro recompilatorio do suplemento cultural A Voz de Barbantia. Trátase dun volume que recolle, de xeito íntegro, os traballos publicados no xornal entre o 29 de xaneiro do 2010 e o 25 de maio do 2012. É dicir, os correspondentes aos números comprendidos entre o 51 e o 75.
Ao igual que aconteceu cos dous anteriores -o primeiro recompilatorio foi editado por La Voz de Galicia no 2007-, este volume chegará aos lectores nunha reprodución facsímile. En total, son 110 páxinas nas que figuran as colaboracións gráficas e escritas que saíron mensualmente.
La Voz de Galicia e Barbantia darano a coñecer no acto mensual que terá lugar, ás 20.30 horas, na casa da cultura de Outes. A portada está inspirada nos debuxos da sección Convidados e a composición é obra de Vexota. Os lectores poderán gozar así das distintas seccións das que consta A Voz de Barbantia: Convidado, A Historia, O Lector, Os Escritores, A Voz da Terra, Palabras na Paisaxe, O Andel, En Obras, As Letras da Arte, Acasos e O Fío de Ariadna.
Os coordinadores do suplemento son Manuel Cartea, Moncho Ares e Pastor Rodríguez. Ademais, cada sección ten unha persoa encargada, correspondendo este labor a Antón Riveiro, Manuel Mariño del Río, Encarna Pego, Isabel Santos, Xulio Gutiérrez, Román Arén, Xosé R. Losada e Pedro García Vidal, Manuel Cartea e Xoán Pastor Rodríguez.
O aniversario
Este terceiro recompilatorio coincide co 25 aniversario da edición de La Voz de Barbanza, aspecto ao que alude no prólogo o delegado, que indica que se trata dun detalle que ten unha relación estreita con A Voz de Barbantia porque foi nas páxinas de La Voz de Galicia dedicadas á comarca onde se puxo a semente do suplemento da man dos colaboradores.
Precisamente, ao traballo conxunto alude o presidente de Barbantia no seu escrito, no que define o suplemento mensual coma un punto de encontro de artistas e lectores, un equilibrio entre a experiencia e a aparición de novas voces.
Esta publicación iniciou a súa andaina en xaneiro do 2005 co obxectivo de ser unha mostra da cultura da comarca, dando espazo a novos creadores e a outros de consolidada traxectoria. A Voz de Barbantia é unha porta aberta ás novas manifestacións artísticas e literarias barbancesas.
Como indica no prólogo Xesús Laíño, é unha «lembranza do pasado, acta do presente, semente do futuro». Laíño tamén indica que este é o camiño no que se continuará, con ilusión e perseveranza.
Venta ao público
Despois da presentación, nunha data que será concretada, o recompilatorio de A Voz de Barbantia será distribuído por La Voz de Galicia e poderá adquirirse ao prezo de 2 euros.
Como ven sendo habitual cada fin de mes, o venres darase a coñecer e repartirase o suplemento, neste caso o número 79. De igual xeito, o encontro cultural previsto en Outes irá acompañado da presentación de dúas obras: Tonas de laranxa, de Manuel Lorenzo Baleirón e María Lorenzo Miguéns, e Iria, de Anxo Angueira.
No acto estarán presentes, amais dos autores, o director de Xerais, Manuel Bragado; o vicepresidente de Barbantia, Manuel Cartea; o mandatario de Outes, Carlos López Crespo, e o delegado de La Voz de Galicia en Barbanza, Moncho Ares.