O exalcalde de Lousame afronta unha nova etapa na que será o único representante da comarca no Hórreo
23 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Conversar onte con Santiago Freire Abeijón, ata hai unhas semanas alcalde de Lousame e, desde o domingo, deputado electo do Partido Popular pola provincia da Coruña, non resultaba nada fácil pola cantidade de chamadas que recibiu con mensaxes de felicitación. Nos vindeiros catro anos, a non ser que a constitución do novo goberno da Xunta permita a entrada de novas caras barbancesas no Hórreo, será o parlamentario encargado de defender os intereses da bisbarra en Santiago.
-¿Que valoración fai do resultado electoral?
-O resultado é satisfactorio, tanto a nivel local como comarcal, provincial e galego. En Lousame a xente respondeu ben, incluso algo mellor que noutras citas electorais, o PP gañou claramente en todas as mesas. Pese á menor participación, o apoio foi similar. E a nivel comarcal logramos tamén un bo resultado; incluso en municipios nos que non gobernamos, como Noia e Muros, practicamente teriamos a maioría absoluta.
-¿E agora que?
-Temos por diante un reto complicado para responder á confianza que os galegos depositaron en nós. Hai que implicarse para iniciar a senda da recuperación do emprego e da actividade empresarial, eses serán os grandes obxectivos desta lexislatura.
-¿Esperaban unha vitoria tan clara? ¿Había confianza en que se lograría a maioría?
-Confianza había, pero a entrada de novas forzas en litixio podía alterar os resultados, como así foi porque a irrupción de Beiras foi unha gran sorpresa. Esperábanse uns resultados favorables, pero ninguén contaba cunha subida tan importante. Había certa preocupación, sobre todo pola baixa participación.
-Nunha situación complicada e cos recortes e axustes que se fixeron, ¿cal cre que foi a clave para que o PP mantivese o apoio de gran parte do electorado?
-Creo que son dúas. Por unha parte, Alberto Núñez Feijoo soubo explicar moi ben a situación de solvencia de Galicia, callou a mensaxe de que, nun escenario complicado, conseguiron manterse servizos básicos e non houbo que facer recortes especialmente drásticos. Actuouse con previsión, foi pioneiro en determinadas medidas e logrou que Galicia estivese nunha situación máis estable que o resto. Por outro lado, no PP hai un liderado claro, hai unha unidade total e non a división e as liortas internas que hai noutros partidos, e iso soubo transmitirse.
-¿Como afronta vostede esta nova etapa política?
-É un reto novidoso, importante, e teño a esperanza de poder contribuír a conseguir investimentos e melloras para esta comarca, ese é o meu obxectivo.
-¿Hai posibilidades de que entre a formar parte do novo goberno da Xunta?
-Aínda que hai quen me atribúe algunha responsabilidade adicional, non hai nada diso. Cando entrei a formar parte da lista a proposta era ter unha maior responsabilidade a nivel provincial e comarcal, lograr un escano no Parlamento e botar un cabo naqueles concellos nos que temos máis dificultades. A decisión, en todo caso, é do presidente, pero esa era a proposta inicial. O que supoño é que, pola miña profesión e traxectoria no Concello, podería ter protagonismo nunha comisión relacionada co ámbito do medio rural, pero nada máis. O obxectivo é adquirir certa experiencia e despois xa se verá.
Santiago Freire PARLAMENTARIO electo do PP