Desembarco de líderes políticos na bisbarra

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

PP, BNG e PSOE elixiron o mesmo día para os seus mitins centrais en Barbanza

07 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A campaña acaba de comezar e quedan aínda por diante moitos días nos que os veciños de toda Galicia terán que escoitar os machacóns slogans dos partidos políticos e ver en cada esquina a cara dos candidatos en carteis e enormes vallas publicitarias. Sen embargo, os grandes partidos políticos parece que se puxeron de acordo á hora de reservar a xornada de hoxe para buscar o voto en Barbanza. Todos, PP, BNG e PSOE, fixaron neste domingo a data dos seus mitins centrais na bisbarra, de xeito que se producirá un auténtico desembarco de líderes políticos.

O colmo é que tanto conservadores como nacionalistas escolleron o mesmo municipio e practicamente a mesma hora para o seu encontro con simpatizantes e militantes. Ás cinco menos cuarto da tarde, Alberto Núñez Feijoo e compañía, entre eles o candidato pola comarca, Santiago Freire, teñen unha cita no pavillón ribeirense de A Fieiteira e, ás seis, na lonxa de Santa Uxía, o BNG presentará o seu programa electoral. Entre outros, dirixiranse aos veciños Guillerme Vázquez, Ana Pontón e a boirense Dores Torrado.

Contribúen a apertar máis aínda axenda de actos do día os socialistas. O candidato do PSOE á presidencia da Xunta, Pachi Vázquez, tamén se achegará á comarca, no seu caso, a Muros. O seu mitin está programado para a unha da tarde no restaurante O Castelo, e con el estarán tanto o cabeza de lista pola provincia, Francisco Caamaño, como a alcaldesa, Caridad González.

Os partidos inician a campaña con forza