«Intento ofrecer un espazo libre, sen ningún tipo de censura»

Álvaro Sevilla Gómez
álvaro sevilla RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Recoñece que os artistas están pasando un duro momento

21 sep 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Xana Ledo é unha desas persoas que defende apaixonadamente a tódolos artistas. Para que non todos fosen palabras decidiu outorgarlles un espazo na súa propia tenda, un lugar onde todos aqueles que comezan nese complicado mundo podan mostrar ao resto do Barbanza a súa obra. Por este motivo a súa tenda, Rey Zentolo, estase convertendo no centro da arte en Ribeira.

-Na actual situación económica decidiu abrir unha tenda de roupa, ¿como se lle deu por esa tolería?

-Estaba rematando a miña prestación do paro e non encontraba algo que me gustase, a oferta de traballo actual é bastante mala. Ademais quería traballar para min, dispoñía dun local amplo e bastante económico polo que decidín abrir a tenda.

-A tenda esconde un espazo reservado para a arte, ¿por que o fixo así?

-O espazo que estamos utilizando como galería non podía ser utilizado como parte da tenda, xa que, ao estar algo agochada, é unha zona que necesitaría dunha atención extra. Como estaba libre decidín crear un pequeno espazo artístico onde se poda dar saída a certas obras da xente emerxente que precise dun pouco de axuda.

-¿Como ve a arte actualmente?

-Está igual que o resto do país, de capa caída. Cando hai axustes os primeiros prexudicados son os artistas, son os primeiros en recibir os recortes. A xente non consume arte, chamémoslle pintura, cine ou música, a xente pon a cultura nun segundo nivel cando o importante é vivir.

-¿É vostede unha defensora da cultura?

-Intento ofrecer un espazo libre, sen ningún tipo de censura, para que os artistas mostren o seu traballo, que é moi duro e moi complicado. Tamén quero que a oferta de ocio se impoña; gustaríame que a tenda fose un lugar de visita artística, ademais de ser un lugar de compra.

-¿Que artistas pasaron ata o momento pola galería?

-Polo de agora pasaron Manu Mimé, que foi o encargado de inaugurar a sala, e Bernardo Paz, coñecido por Silosenoestudio, que presentou a súa nova exposición, o 9 do 9 na novena, hai uns días.

-¿Tiveron éxito as exposicións?

-Ambos tiveron moito éxito, chegou moita xente a ver os traballos destes grandes artistas e venderon bastantes obras. Manu Mimé vendeu case todo e Bernardo, a pesar de levar moi pouco tempo, está vendendo bastantes pezas da súa exposición.

-¿A cultura ten que remar sempre a contracorrente?

-Creo que si, ou polo menos iso é o que nos mostran con tanto recorte. Creo que todo ven pola súa condición de protesta constante.

-¿Que opina do Ecce Homo?

-Creo que é algo anecdótico ao que se lle está dando moito bombo, e non entendo o motivo.

-¿Que proxectos ten en mente?

-Hai dúas artistas que van expoñer a súa obra, son Loli Regueira, en novembro, e Elia Núñez, a partir de xaneiro, ambas licenciadas en Belas Artes. Loli ten previsto expoñer unha amalgama de fotografía, pintura e escultura.

-¿Ademais de utilizar este espazo como galería ten previsto outro uso?

-Tamén vamos a utilizar o espazo para os máis cativos. A partir deste Nadal vamos a comezar con talleres e conta contos.

Xana ledo dÍaz empresaria

«A partir deste Nadal vamos a comezar con talleres e conta contos»