«Cada día chega máis xente, a afluencia aumentou moitísimo»

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Considera que o tipo de viaxante cambiou nos últimos anos

10 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Leva menos dun mes traballando na oficina de turismo de Ribeira, pero Susana Parada Ramos xa tivo que lidar con daneses, alemáns e ingleses. O seu traballo é axudalos a descubrir os encantos desta terra, para que así falen de Barbanza por todo o globo. Non esquece que parte do éxito destas viaxes está nas súas mans.

-Entrado xullo, ¿comeza a notarse a chegada de visitantes?

-Si, cada día chega máis xente, a afluencia aumentou moitísimo. Foi na terceira semana de xuño, unha vez rematado o período escolar, cando comezamos a traballar de verdade. Antes destas datas o turismo foi moi escaso, a contagotas, baseado exclusivamente en persoas sen cargas familiares.

-¿Cales son os prognósticos para este verán?

-A pesar da crise temos moi boas previsións, a xente seguirá achegándose. Iso si, optarán por unhas vacacións máis curtas que en anos anteriores.

-¿Cambiou o tipo de turista?

-De veras, cambiou moito. Agora abunda o turista de segunda residencia e o que aproveita a casa dalgún familiar ou coñecido. Neste momento esperamos estadías máis curtas, máis preto do semanal que do mensual. Tamén aumentou moito o viaxante de caravana e cámping, en detrimento do hotel ou da casa rural.

-¿De onde chegan?

-Pois temos case un empate. Os galegos veñen de fin de semana, buscan coñecer un pouco os diferentes atractivos desta zona, pero na súa maioría non quedan a durmir. Dende fóra da provincia predominan visitantes do País Vasco e Asturias, aínda que tamén se acerca xente de Valladolid e Barcelona, por exemplo. Logo, de fóra de España, pasou xente de Inglaterra, Dinamarca, Alemaña ou mesmo fillos de emigrantes galegos que viñan dende Arxentina.

-¿Teñen algún problema lingüístico para tratar con eles?

-Polo de agora non tivemos maiores incidentes; na maioría dos grupos hai algún membro que fala español, e se non se dá o caso, utilizamos o inglés, co que nos entendemos sen problemas.

-¿Demandan todos a mesma axuda?

-En xeral piden información xeral da zona, lugares paisaxísticos, praias e museos; por exemplo; o parque de San Roque, o dolmen de Axeitos, o faro de Corrubedo, e os museos do gravado ou o etnográfico, son algúns dos lugares máis visitados. Hai moitas cousas que ver en Ribeira, moi bonitas e moi ben conservadas, é un lugar que merece a pena visitar.

-¿E información gastronómica?

-En xeral buscan probar a comida tradicional galega, concretamente marisco e o peixe da zona. O outro día chegou un grupo dende Ourense que buscaba un restaurante céntrico con aforo para 120 persoas. Tamén hai moita demanda de rutas marítimas, viaxes en catamarán para grupos grandes, ou aluguer de embarcacións, para unha visita máis privada.

-¿Algunha pequena anécdota?

-Pois dous franceses e un alemán, que viñan navegando nas súas embarcacións persoais dende os seus respectivos países; gozando placidamente das costas europeas, dende unha visión moi diferente á convencional.

SUSANA PARADA SANTOS TÉCNICA DE TURISMO

«A pesar da crise temos moi boas previsións, a

xente seguirá achegándose »