«O tempo que lle dedico á fotografía quítollo a estar coa miña familia»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

DANI GESTOSO

30 jun 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A casualidade foi a que fixo que un bateeiro de Cabo de Cruz acabara metido a fotógrafo. Jesús Torrado, máis coñecido por Maroñas, non vive da cámara coa que é frecuente velo ao lombo, pero si é unha parte importante da súa vida xa que, dende hai preto dun par de anos, ten un negocio, Studio A4, co que, polo momento, «estamos moi contentos».

De seguro, moitos dos seus veciños o recoñecen por ser o autor da reportaxe fotográfica do seu casamento ou do bautizo dun fillo, pero agora é el o que se pon diante do obxectivo no seu recuncho preferido, moi preto da súa casa: o litoral de Esteiro, en Cabo de Cruz. Alí vive, e gústalle porque é, ou máis ben foi, «un sitio moi tranquilo. Aínda que agora a xente descubriu esta praia e xa parece que vén todo o pobo. Se me descoido hai máis xente que en Barraña», bromea.

Ese espazo é tamén un lugar ao que soe acudir para cultivar unha das disciplinas que máis lle gusta, a macrofotografía, coa que se captan con todo detalle imaxes de pequenos insectos que logo poden verse amplificados: «É un mundo apaixonante, e máis relaxado que o traballo en estudio. Para min é un pouco como ir pescar, podes botar toda a tarde e facer centos de fotos e ao mellor non consegues nada».