Aquel muradán que foi un gran noiés

Patricia Blanco
patricia blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Os familiares gardan libros, material inédito ou fotografías que el deixou na casa da Chaínza

20 may 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

que foi do legado de manuel fabeiro gómez

Quedan exactamente dous meses para que se cumpran os vinte anos daquel 20 de xullo no que Manuel Fabeiro Gómez (Muros, 1916-Noia, 1992) recibía sepultura no cemiterio parroquial muradán. Volveu descansar ao lugar no que nacera, mais os actos relixiosos para a súa despedida foron na igrexa de San Martiño de Noia, a vila na que viviu a meirande parte da súa vida, na cal casara e da que, logo de ter investigado e escrito tanto, acabou sendo un veciño máis. Manuel Fabeiro Gómez -os amigos chamábanlle Manolé- foi un muradán que se fixo noiés, pero mantendo o amor polas orixes.

En Noia, no lugar da Chaínza, na rúa dos Ferreiros, segue habitada a casa na que el residiu tanto tempo. No Día das Letras Galegas, quen abre a porta é Mercedes Fabeiro, unha das súas fillas, aínda que no inmoble reside outra delas, Consuelo. Ao carón facíao Jesús, outro dos irmáns, xa falecido. Foron nove. Hoxe, por tanto, oito. María Gómez (Maruxa, como lle chamaba á súa dona Manuel Fabeiro), a piques de cumprir os 90 anos, reside tamén na vivenda.

Ao fondo do corredor, á man dereita, e recibindo a luz da rúa, está o que fora despacho do poeta, historiador, autor de numerosos artigos e grande especialista en filatelia. Aí, nos andeis, fica boa parte do legado que deixou o muradán. Os fillos son os encargados de custodialo. Gardan os libros que foran del e tamén o que foi publicando, como La Santa Biblia y la filatelia ou Follas dun arbre senlleiro, entre outros. Mercedes, aínda que sinala que era o seu irmán Jesús quen máis tiña na cabeza a obra do pai, explica que o cronista Manuel Fabeiro era un home con gustos de lectura moi variados: «Gustábanlle moito os temas relixiosos, pero aínda así era moi crítico; a filatelia; a historia, os escudos; a poesía...». Deixou escrito tamén Marcas de canteros en algunas localidades de Galicia. Todo iso, xunto con separatas e publicacións variadas, segue gardado no seu despacho. «Estudou moito sobre Noia e Muros. E sempre falaba de Galicia. Defendía a lingua», di Mercedes. «Traballou para que houbese misa en galego», apunta Consuelo.

Ademais de libros, escritos e álbumes de filatelia, quedan na casa medallas e outros recoñementos. Asemade, moitas fotografías, «a maioría delas de carácter familiar», recoñece Joaquín, outro dos irmáns. «Hai varias que pertencen aos 25 de xullo, en Santiago. Meu pai non se perdía un e alí se xuntaban todos os galeguistas», sinala. Queda moito material inédito, segundo recoñece o propio fillo e tamén Xavier Castro, responsable de edición póstuma do poemario Quechemare da saudade, no 2010. «Ten unha historia do xornalismo en Muros e Noia a finais do XX e principios do XX, tamén tres libros de poemas sen editar, escritos nos 40 e 50 [un en galego e dous en castelán]. E incluso algún traballo máis», explica Joaquín. Aínda que de momento nada está pechado, Xavier Castro adianta: «Posiblemente este ano intente publicar un dos poemarios en galego que deixou».