Palabras na lingua propia que navegan xa polo Atlántico

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Un hostaleiro de Ribeira botou ao mar as mensaxes deixadas polos seus clientes

19 may 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Desexamos a quen o atope saudade e sorte. Respecta e serás respectado. Mensaxes coma estas dúas navegan dende onte á unha da tarde polo mar. Foron tiradas dende a zona do faro de Corrubedo por David Fernández, da vinoteca Abuela Gloria, de Santa Uxía. Dentro, nos papeis, vai tamén a dirección de Ribeira e as coordenadas da rúa do Sal, por se algún día estas mensaxes chegan a outras mans que queiran devolver novas palabras. Trátase dunha orixinal iniciativa enmarcada dentro da conmemoración do Día das Letras Galegas.

David levaba nunha cesta as catro botellas. Tanteou sobre as pedras e tirounas pensando en coller zonas de correntes que movesen os vidros e fixesen navegar as letras, todas elas escritas de forma anónima. Foron deixadas polos clientes no Abuela Gloria o xoves pola tarde, logo da lectura dun manifesto e de varios relatos de Valentín Paz Andrade. «Pedíamoslle a todos os que quixesen que deixasen unha mensaxe na súa lingua. Hai tamén algunha en portugués», explicaba onte David minutos antes de tirar as botellas, perfectamente decoradas coas cores da bandeira galega e o nome do homenaxeado este ano. «O recital tivo moito éxito, foi moi ben acollido e á xente sorprendeulle que se fixese no bar», engadiu. As mensaxes navegan agora mundo adiante como vén facendo o galego anos e anos.

Catro locais

Esta iniciativa está enmarcada noutra máis ampla, de carácter gastronómico, e posta en marcha por catro establecementos hostaleiros de Santa Uxía que queren darlle sona á rúa do Sal, de aí as coordenadas que van nas mensaxes. Dende o mércores (hoxe é o último día) puxeron en marcha unha ruta na que ofrecen a posibilidade de tomar un viño galego e un pincho desa mesma orixe (un diferente en cada local). O custe é de tres euros e os locais participantes son, ademais da vinoteca Abuela Gloria, Triskel, Capitán Morgan e A Taberna do Riaso.