«Os máis novos non saben quen é Currás, pero coñécenme por ?Los hombres de Paco?»

raquel iglesias RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

28 abr 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Os galegos de máis de vinte nunca esquecerán a Currás, o entrañable furtivo de Mareas Vivas que sempre presumía de que os seus percebes eran coma puños de grandes. Miguel de Lira dáballe vida coma ninguén. A súa voz ruda distinguiríase entre un millón e nos últimos días escoitouse en moitos puntos da comarca. Aproveitando a rodaxe de Amores Prohibidos, 2.0, o último proxecto de Chévere, este coñecido actor recorreu algún dos seus recunchos favoritos de Barbanza. Aínda que lle custa elixir, decántase polo peirao fenicio de Aguiño, un lugar que descubriu cuns amigos e que asegura que ten moito encanto. Alí non lle quita ollo a unha grande pedra con forma de barca. A maxia da natureza.

Pero como bo barbancés, Miguel de Lira destaca outras paraxes da zona, como a praia de Carragueiros, o faro de Corrubedo ou a praia de O Vilar, sen esquecerse da beleza da outra punta do mapa e do lugar do que procede, como ben di o seu nome artístico que leva por todo o país e máis aló. «Vou constantemente dun lado a outro, pero síntome desta terra».

Fala polos cóbados, coma se fora a acabarse o mundo en cada frase. É un home feito a si mesmo que soubo buscarse un oco nos escenarios e nas televisións. Pero o camiño non foi doado e tivo que loitar coma un xigante: «Comecei neste mundo en Santiago, cando estudaba Dereito ou, mellor dito, cando estaba matriculado. Fundamos Chévere e decidín decantarme por este mundiño, aínda que tiven que pelexar coa familia, que pensaban que me estaba xogando o meu futuro. Ao final parece que todo saíu ben».

Mil e un papeis

E vaia se saíu. Incontables son os proxectos nos que estivo somerxido e cos alcanzou a fama. O papel de Currás é o que acabou de namorar ao público galego, un dos que garda con máis cariño. Iso si, asegura que as novas xeracións non sempre o recordan: «Os máis novos non saben quen é Currás, pero coñécenme por Los hombres de Paco». Nesta popular serie encarnou a un psiquiatra. Con todo, non sabería elixir aquel personaxe co que se sente máis identificado: «É difícil escoller, marcaron etapas da miña vida».

Cunha traxectoria profesional tan extensa, Miguel de Lira é quen de dar consellos a aqueles novos artistas que se parten o peito por acadar o éxito. «Agora, coa que está caendo, non hai moitas axudas, por iso hai que aproveitar todas as oportunidades, coma o que Chévere está levando a cabo no instituto A Cachada de Boiro. O que os mozos están aprendendo non llo quita ninguén».

Un home incombustible

Aínda non rematou con Amores Prohibidos 2.0 e xa ten a cabeza noutros proxectos. Dos xa postos en escena destaca Citizen, que se inspira no Ciudadano Kane de Orson Welles. Tamén Crevinsky, a película de humor amargo que conseguiu enganchar ao público. Para falar do futuro móstrase cauteloso, aínda que adianta que ten algo no audiovisual que dará a coñecer nos próximos meses.

Miguel de Lira é un home incombustible e namorado da terriña. Por iso, os veciños que nestes días o pararon pola rúa de seguro que o seguirán facendo. Aquí séntese moi a gusto e así o demostra o seu sorriso.

Miguel de Lira

48 anos

Actor

O peirao fenicio da parroquia ribeirense de Aguiño, un lugar que asegura que ten moito encanto e onde non lle quita ollo a unha gran pedra con forma de barco.