Amnistía para o lobo barbanzón

Xurxo Gago

BARBANZA

13 abr 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Corneille dixo: «Os mortos que vós matades/ gozan de boa saúde». Esta frase véuseme repetidas veces á cabeza mentres atopabamos lazos e lobos mortos entre os arames da nosa querida serra do Barbanza. Explícome: a Xunta autorizou batidas e «esperas» ao lobo nunca antes coñecidas na nosa comarca, que se suman á caza ilegal con veleno e lazos.

A manada de lobos do Barbanza é unha das máis occidentais de Europa. Isto confírelle un valor especial, de exclusividade. Pero tamén leva consigo un perigo asociado ao illamento da poboación, xa que impide o aporte de novos xenes de individuos foráneos. Na reprodución a parella de lobos alfa inhiben o celo do resto de membros, só se reproducen eles. Os outros lobos amósanse sumisos ante o poderío dos alfas e incluso colaboran na cría dos novos lobatos.

Os cans son unha das presas habituais dos lobos. Como pode ser entón que haxa lubicáns no Barbanza? Unha das explicacións máis aceptadas pola comunidade científica é que estas estrañas hibridacións só ocorren en situacións excepcionais: por exemplo, que as mandas estean desestruturadas pola morte de varios membros alfa ou que a zona estea moi habitada por humanos e, xa que logo, haxa moitos cans abandonados.