«A primeira gaita que tiven fíxena eu cunha cana e unha vexiga de porco»


Ribeira / la voz

Con 81 anos, Xosé Romero aínda ten moito que ofrecer á música. Leva máis de 65 anos recorrendo o mundo coa súa gaita e por iso son moitas as historias que aínda lle quedan por contar aos seus netos. A idade nisto da música tampouco importa e así o demostra un home incombustible que leva o talento nas veas e que foi capaz de transmitir a súa paixón á súa muller e aos seus fillos, que o acompañaron en múltiples actuacións. Os bonitos recordos que lle brindou a vida como músico gárdaos nunha habitación da súa casa. Ocupan un espazo considerable e evocan emocións difíciles de explicar con palabras. «Teño moitos premios e placas de participar en diferentes concursos por toda a xeografía galega. Non sabería elixir un».

Converteuse en artista ben cedo, pero para iso tamén precisou moita imaxinación: «A primeira gaita que tiven fíxena eu cunha cana e unha vexiga de porco». Soar debía soar porque con ela comezou a tocar as máis fermosas melodías galegas. Aínda se emociona ao recordar cando o seu pai lle mercou unha das de verdade. Foi con doce anos nun taller de Pontevedra. Só con escoitar como fala dese momento Xosé Romero, un faise unha idea clara de toda a ilusión que sentiu neses intres.

Dende entón todo foi medrar e dende Asados conquistou o estranxeiro, e para iso asegura que sempre contou co apoio dos seus veciños da parroquia rianxeira. Tamén se dedicou á ensinanza e contaxiou así parte do seu don. «Nos meus viaxes polo mundo adiante tamén fixen moitos amigos e moitos contactos que me axudaron a avanzar».

Unha paixón familiar

A súa memoria parece de elefante e capaz de recordar todas as súas actuacións. Sen embargo, aínda que non é quen de quedarse cunha soa, garda un sentimento especial daquelas nas que compartiu escenario coa súa muller, Maruxa Miguéns. Ela acompañouno nos espectáculos dende o 1962, e foi a partir de 1975 cando se uniron sobre as táboas os seus fillos. Son moitos os que aseguran que daba gusto velos tocar. «A miña familia respondeu de marabilla. Hai un concerto que me marcou, o que fixemos todos nas festas de Santa Lucía. Daquelas aínda non había orquestras e a música tradicional era máis protagonista».

Para este singular gaiteiro os músicos de agora teñen moitas máis oportunidades de estudar e chegar alto: «É máis doado conseguir os instrumentos, os meus primeiros eran terceiromundistas». Sabe ben do que fala e segue ás novas promesas da gaita e ás xa consagradas que agora recorren o mundo. Palabras especiais ten para algunhas como Cristina Pato, á que considera unha artista integral.

Un disco especial

Fol de feitizo redentor é o suxerinte título do seu último disco, no que contou coa colaboración do seu neto, Milo Romero. Este encargouse da produción e acompañouno no acto de presentación no auditorio de Rianxo. Foi un espectáculo máxico que conseguiu encher as instalacións culturais, aínda que iso era de esperar xa que deste traballo se esgotaron as copias da primeira edición. Romero asegura que a experiencia de traballar novamente en familia foi moi boa, e que se sente moi orgulloso de que as novas xeracións da súa estirpe sigan os seus pasos. Seguro que a eles dedica un dos seus principais consellos: «Nesta vida, para chegar lonxe hai que ter talento, pero tamén moitas ganas de traballar».

Este rianxeiro non descansa e ten por diante moitos proxectos que abordar. Entre eles está sacar á luz un novo disco, no que recollerá as súas novas composicións. Tratarase dun traballo cun carácter máis folk. Polo de agora, segue ideando novos temas que completen o que seguro será unha nova obra de arte para a música galega dos nosos tempos.

Xosé Romero

81 anos

Músico

A habitación da súa casa na que garda todos os premios que conseguiu en 65 anos recorrendo o mundo coa súa gaita.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
14 votos

«A primeira gaita que tiven fíxena eu cunha cana e unha vexiga de porco»