Un problema para todos

Francisco Martínez

BARBANZA

11 mar 2012 . Actualizado a las 12:29 h.

Oaumento significativo da poboación de xabarís nos montes da comarca estase a converter nun problema tanto para os gandeiros como para as asociacións de cazadores responsables de xestionar cada un dos Tecor. Aos primeiros aféctalles de xeito significativo nas súas colleitas, provocándolles grandes perdas económicas que, apenas nunha parte, son cubertas por parte das axudas que destinan para elo as distintas Administracións. Ao contrario do que moitos poidan pensar, aos cazadores tamén nos afecta a actuación destes animais e os danos que poidan causar dentro da superficie dos nosos respectivos cotos. De feito, nas contas anuais de todas as sociedades cinexéticas destinase unha parte importante de diñeiro para subscribir seguros que poidan cubrir as distintas continxencias provocadas polos porcos bravos.

Parece que coa nova lei de caza esta última situación, que a todas luces cremos inxusta, vai cambiar eximindo ao colectivo dos cazadores de facerse cargo dun risco practicamente incontrolable.

Independentemente disto, o noso papel no control da fauna salvaxe faise imprescindible. Todas as entidades da comarca organizaron, nos últimos meses, batidas nos lugares onde se tiña constancia de danos importantes causados polo xabarís sobre as colleitas. É certo que en moitos casos o cupo de capturas permitido polas autoridades medioambientais resulta insuficiente e algúns gandeiros critican, por insuficiente, o noso traballo. Ten que existir una necesaria colaboración entre todos. Os afectados, teñen un papel primordial, poñendo sempre en coñecemento dos responsables da Xunta todos os danos que o xabarís produza nas súas fincas. Só así se saberá a medida exacta do problema que supón a súa actividade en cada zona e se poderán adoptar medidas.