«A situación nacional do partido dóenos a todos»

J.?R. Doniz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Rianxo convértese nunha prioridade para os novos responsables do BNG en Arousa norte

10 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O edil pobrense e deputado provincial, Xosé Lois Piñeiro (A Pobra, 1971) substitúe a Dores Torrado ao fronte do BNG en Barbanza. Explica con claridade e chamando as cousas polo seu nome a crise interna dos frentistas. Aínda así, cando toca falar do clima que se respira nos concellos que integran a zona de Arousa norte móstrase máis preocupado pola desmotivación que esta crise pode crear, que polas baixas de militantes que teña a formación a que pertence.

-¿Con vostede ao fronte do partido comarcal darase unha liña continuista ou renovadora?

-Continuista. Eu participei moito na anterior dirección comarcal e a miña intención é dar continuidade ao traballo realizado. Aínda así, a situación require cambios no xeito de traballar e afrontar o reto de fortalecer á agrupación en cada un dos municipios.

-En Arousa norte unicamente teñen cota de poder en Rianxo, tras perder Boiro, ¿por onde creen que pasa a recuperación dese terreo?

-En cada concello a situación é distinta. En Rianxo alcanzamos a alcaldía e esperamos afianzarnos para chegar a maioría. Na Pobra a situación non foi mala e en Ribeira e Boiro teremos que incrementar o traballo local. De todas formas, no traballo comarcal teremos que apoiar moito máis a Rianxo.

-Fala de incrementar o traballo local, ¿cree que non haberá que esperar tamén a que pase a situación económica actual?

-Fixemos moi bo traballo en todos os concellos, pero os resultados foron dispares. En Ribeira o cambio de candidato do PP parece que resultou positivo, e en Boiro estamos moi orgullosos das tarefas realizadas, pero non soubemos vendelo axeitadamente. Por iso, creo que Boiro é unha alcaldía que podemos recuperar facilmente. Na Pobra seguiremos a mesma liña de traballo ata lograr o goberno.

-A imaxe de desestruturación do BNG coa saída do Encontro Irmandiño e a posible de Máis Galiza, ¿cree que afecta tamén no ámbito comarcal?

-Sempre repercute, xa que a situación nacional do partido dóenos a todos. Pero Barbanza é unha das que máis unida se mantén, aínda que existen varias correntes como Máis Galiza e Alternativa pola Unidade. Por iso, o obxectivo é dinamizar e motivar a toda esa xente para que o BNG sexa útil ao país.

xosé lois piñeiro barbanza

«Boiro é unha alcaldía que podemos recuperar. Na Pobra seguiremos a mesma liña»