-¿Que papel xoga Olláparo na organización deste tipo de actividades?
-Na asociación celébranse reunións semanais e intercambiamos coñecementos, artigos de publicacións especializadas, celebramos cursos e incluso hai moita xente que queda as fins de semana para ir de ruta a facer fotos. Eu, ao traballar de luns a sábado, non teño demasiado tempo para esas saídas. Esa é outra das razóns polas que prefiro o retrato, resúltame máis fácil atopar un oco para facer unhas fotos.
-Pero din que o do retrato é un xénero difícil.
-Todo o mundo di que é o xénero máis complicado, pero a min é o que máis me gusta. Gústame buscarlle un punto distinto ás cousas, ir máis alá da imaxe e plasmar iso nos retratos, é o que intento, saír dos convencionalismos. Persoalmente son introvertido, pero como fotógrafo son moi extravertido e busco sempre algo especial, unha expresión ou unha mirada e trato de captala.