Bandeiras a media asta en Rianxo pola morte de Díaz Pardo, fillo adoptivo do concello

Ribeira / La Voz < / span>

BARBANZA

06 ene 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O de onte, pese á algarabía da cabalgata de Reis, foi un día de loito en Rianxo. Non en van, o municipio perdeu a un dos seus fillos adoptivos máis insignes, Isaac Díaz Pardo. A nova do pasamento do intelectual compostelán colleu por sorpresa a todo o mundo, incluída a corporación municipal, que non tivo tempo de celebrar un pleno extraordinario para dar un cariz institucional ao pesar dos rianxeiros polo falecemento de Díaz Pardo. O que si se fixo foi elaborar unha declaración oficial e fixéronse ondear a media asta durante todo o día as bandeiras oficiais.

Os panos que locen na entrada á casa consistorial seguirán a media asta dúas xornadas máis en sinal de loito. Ademais, dende o Concello, remitiuse un telegrama de pésame á familia e unha coroa de flores no nome da corporación. Na declaración institucional, destácase a dilatada traxectoria de Díaz Pardo, fillo adoptivo de Rianxo dende o 2008 e autor da escultura dedicada ás xentes do mar que loce no parque de Galicia: «Isaac Díaz Pardo amosouse durante toda a súa vida, e tamén no seu polifacético labor e amplo quefacer, como pequeno motor de grandes cousas e causas, en palabras de Rafael Dieste. Sempre unha dedicación intensa e entregada, tamén animosa e xovial, marcada polo seu compromiso con Galicia».

A corporación transmite nese escrito «a máis fonda condolencia á familia, así como aos seus moitos e queridos amigos» de parte de todos os veciños e incide na irreparable perda que supón a morte de Díaz Pardo: «Non será fácil refacernos de tan lamentábel perda, pois tanto a simpatía e compromiso que lle eran propios, como as abondosas mostras de amizade con que nos agasallaba, serán dificilmente reemplazábeis».

Legado

Por último, transmítese un desexo para o presente e o futuro: «Permaneza, pois, aínda que sexa cativo consolo, a lembranza da entrega e o exemplo do bo facer e compromiso cos seus, con Galicia e con Rianxo. Que o seu modo de traballar, a súa fortaleza física e de espírito e o conxunto do seu legado sexan permanente luz inspiradora do noso traballo de agora en diante».