«A xuventude só se move se ve os seus intereses prexudicados»

Elevar ata o máis alto á cultura galega é o principal obxectivo deste colectivo ribeirense fundado hai case un ano

Romay, na Casa do Mar de Ribeira, onde o grupo de teatro do colectivo actúa hoxe.
Romay, na Casa do Mar de Ribeira, onde o grupo de teatro do colectivo actúa hoxe.

Ribeira / la voz

A asociación Pedra de Pidre acaba de renovarse e de nomear presidente a Adrián Romay, un mozo ribeirense que ten as ideas moi claras. Alzar ata o máis alto a cultura barbancesa e galega é o seu principal obxectivo como máximo representante da entidade, formada hai case un ano, e que ten xa vinte socios. Asegura que en tempos de crise a xuventude debe xuntarse e moverse para loitar polos seus ideais, porque a unión fai a forza.

-¿Por que o nome de Pedra de Pidre para o colectivo?

-Porque a nosa asociación fundouse na parroquia de Carreira e alí hai un fermoso mirador que leva este nome. Parecíanos que se identificaba con nós.

-¿Como valora as actuacións levadas a cabo desde a entidade neste ano de vida?

-Pasamos demasiado tempo arranxando todos os trámites necesarios para constituírnos como asociación e non fixemos todo o que nos gustaría. Aínda así, é destacable que organizamos dúas charlas culturais e presentamos o libro As novelas da memoria, que trata sobre a represión durante a Guerra Civil.

-¿Cales son os proxectos que levarán a cabo a curto prazo?

-Dentro do colectivo formouse un grupo teatral que hoxe mesmo debuta na Casa do Mar de Ribeira ás sete da tarde. Porase en escena unha obra que trata de descubrir aos nenos o verdadeiro significado do Nadal.

-¿Volverase a pór en marcha un festival solidario para recadar fondos para Unicef?

-Si, xa o estamos organizando e celebrarase no mes de marzo. No festival actuarán diferentes grupos galegos. Polo de agora confirmaron a súa asistencia La Vieja Yegua Gris, Talón de Aquiles, The Covers e The Little Stones. Para recadar os fondos sortearase un lote de produtos que cederán establecementos.

-¿Considera que o movemento asociativo de Ribeira se atopa nun bo momento?

-Penso que temos colectivos moi fortes, aínda que hai que ter claro que non poden traballar catro e pagar as cotas vinte. Aos mozos cústalles moverse, pero cando se deciden fano con forza. A xuventude só se move cando ve os seus intereses prexudicados.

-¿Están os mozos espertando ante a situación que viven na actualidade?

-Gustaríanos que houbese máis implicación. En tempos de crise recórtase o apoio á cultura, e non podemos deixar que se perda.

-¿Colaborarán con outras asociacións da comarca?

-Si, proximamente faremos un acto conxunto con Altofalante, pero só colaboraremos cos colectivos que estean dispostos a defender a cultura galega.

Adrián Romay presidente da asociación pedra de Pidre

«Só colaboraremos cos colectivos que estean dispostos a defender a cultura galega»

«En tempos de crise recórtase o apoio á cultura, e non podemos deixar que se perda»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos

«A xuventude só se move se ve os seus intereses prexudicados»