Corenta anos sen a humanidade do poeta Faustino Rey Romero

X. Ricardo Losada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Este Nadal cúmprense 40 anos da morte de Faustino Rey.
Este Nadal cúmprense 40 anos da morte de Faustino Rey.

Nestas datas celébrase o aniversario da morte do crego de Isorna

29 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Este Nadal cúmprense corenta anos do pasamento do crego e poeta rianxeiro Faustino Rey Romero. Teño rematada unha biografía súa e podo afirmar que foi unha persoa excepcional. Comecei a investigalo porque todo o que me contaban del permitía pensar tanto que fora un vividor como un home de profunda fe. Agora sei que foi un auténtico cristián nun mundo (o nacionalcatolicismo) que esixía a gritos que non o foses. Arriscouse a unha vida extravagante sendo consciente de que ninguén comprendería a raíz franciscana desas extravagancias. Porque Faustino Rey Romero, sabendo que o ser humano é débil por natureza, decidiu caricaturizar a súa vida mostrando publicamente as súas propias debilidades.

A igrexa non é o paraíso dos puros senón, como dicía Chesterton, o hospital dos pecadores. Condenar o pecado (sobre todo a hipocrisía), compadecer ao pecador. Esa é a obriga dun bo cristián. Léase coa atención que merece O melro larpeiro. Faustino Rey Romero fala consigo mesmo: «Anque o teu proceder eu non comparto, / cando vexo que tés o buche farto, / que che faga, desexo, bon proveito».

Para apreciar a fondura poética de Faustino Rey Romero debemos lelo como se nos revelase esa confidencia que se negaba a facer no día a día. Con pouco máis de 20 anos, describiu a súa morte: «Como un navío que se descuaderna / ha de ser, al final, el cuerpo mío».

Trinta anos despois morría ao caer desde unha altura de sete metros ao patio da igrexa da Balvanera, en Bos Aires, onde traballaba de párroco. Con varias fracturas, agonizou durante dous días. Proba da inmensa humanidade da súa vida é que calquera das hipóteses, suicidio, accidente ou asasinato, ten defensores entre os seus coñecidos.

Elexía

Tamén o proba que se identificase cos seres máis humildes. Non podía ser casual que Deus crease tantos. El mesmo se definía como un can de palleiro. Cando aínda estudaba no Seminario escribiu a súa propia elexía, Elexía por un paxariño morto: «Esa gorxa está sen vida / que orquestou moitos menceres./ Choran as ponlas dos albres / lembrando peso tan leve. / Fáltalle un músico á banda / do serán e do abrente. / Deus sabe pór cousas grandes / en naturezas moi debles./ ¡Que tristura un paxariño / antre a mortalla da neve!».

Non hai nada máis absurdo que dicir que Faustino Rey Romero era anticlerical. Aínda que o era. Nin dicir que era galeguista. Aínda que o era (non tiña dúbidas. Xesús, se vivise en Galicia, falaría galego). Nin dicir que era antifranquista. Aínda que o era.

Faustino viviu cos valores esenciais do Evanxeo: humanidade, liberdade, transparencia e compromiso cos máis necesitados. Non admitía os ismos entendidos como lugares pechados e excluíntes. O Evanxeo esixe estar a favor de todos e en contra de todos. Hai que diferenciar as persoas das ideas. Un pode ter ideas boas e ser mala persoa. Un pode ter ideas malas e ser boa persoa. E nunca debemos esquecelo. Vivimos con persoas, non con ideas.

Intelectual incómodo

Alguén dixo que hai tres tipos de intelectuais. Os de dereitas, os de esquerdas e os incómodos. Faustino Rey Romero escolleu ser dos incómodos. Escolleu a incomprensión. Viviu sen rede.Amou a Igrexa pero enfrontouse ao bispo de Tui. Amou a literatura galega pero enfrontouse a Ramón Piñeiro e ás correntes literarias de moda que afastaban o galego do pobo. Foi amigo de moitos franquistas pero enfrontouse a Franco. Foi amigo de moitos comunistas pero enfrontouse aos defensores da Unión Soviética.

Non debemos tomar eses enfrontamentos como grandes heroicidades. Faustino Rey Romero non xogaba na categoría da Historia con maiúsculas. Xogaba na categoría das conversas na porta da casa ou na taberna tras unha dura xornada de traballo. Só ansiaba unha cousa. Dar o recoñecemento que todo ser humano merece.

Salvar unha vida significaba para el falar con alguén que estaba pasando un mal momento, darlle unhas moedas a quen nada tiña ou ser amigo dos marxinais.

Unha revolución

Esa si sería unha auténtica revolución. A revolución, el sabíao -era inocente, non inxenuo-, que os humanos teremos por sempre pendente. Aínda así, viviu cara a ela.

Como Manuel Antonio, descubriu moi pronto que a vida é un río que só pode desembocar nun mar. O da eternidade. Por iso pasou a vida pedindo ser enterrado ao pé do mar de Arousa, na orela do río Ulla da súa Isorna natal. Os cemiterios a carón dos ríos, dicía, están máis preto do ceo.

Os cemiterios a carón dos ríos, dicía Faustino, están máis preto do ceo

Agora sei que foi un auténtico cristián nun mundo que esixía a gritos que non o foses