«Para min a poesía sempre estivo aí, é como respirar»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Veiga acaba de recibir o merecido recoñecemento da cultura barbancesa

11 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Pese a que asegura ser mellor entrevistadora que entrevistada, o inicio de calquera diálogo con esta poeta, que ben pode considerarse barbancesa de adopción, evidencia que a súa apreciación non é certa. Eva Veiga fala de todo con paixón, e semella a poesía feita persoa e palabra. Iso debeu ser o que acabou de convencer ao xurado dos premios Barbantia para concederlle o Sereo de Cultura Galega, un galardón que recibiu con especial emoción pese a que ao longo da súa traxectoria son moitos e diversos os galardóns que atesoura.

-¿Sabía que é, xunto a Paola García Paz, a primeira muller en facerse cun Sereo?

-¿Ai si? Que ben. Aínda que se cadra é porque é máis alto o número de homes no eido cultural.

-¿Non cre que se deba a que, en xeral, o traballo feito por mulleres ten menos visibilidade ou menor recoñecemento?

-Eu creo que non. O que pasa é que estamos afeitos a ver que a muller está incorporada á sociedade, pero o seu recoñecemento non é, precisamente, algo antigo, senón de hai uns poucos anos. E é certo que á nosa idade hai unha maioría de homes na cultura, pero creo que de aquí en adiante vai haber un maior número de mulleres escritoras, poetas e artistas en xeral. En todo caso, en relación a Barbantia e a Barbanza, creo que o premio é casualidade porque hai moitas mulleres moi salientables.

-Ademais de poeta, traballou como xornalista e na televisión, e en todos os eidos gañou premios, ¿é o de Barbantia especial?

-Cada premio é especial. Este, se cadra, é o máis inesperado para min, faime especialmente feliz e creo que hai xente que o merece tanto ou máis ca min. En todo caso, a min sérveme para traballar con máis entusiasmo. Que se recoñeza, sobre todo, o comunicar poesía, o recitar, faime especialmente feliz porque é un traballo difícil, sentes que te estás xogando algo interpretando a poesía de outros. E máis en Barbanza, que me parece un sitio único, que abrangue unha gran cantidade de nomes que, sobre todo, teñen un sentido de comarca, de cooperativismo cultural, único e impresionante. E verme recoñecida por esa xente, entre a que ademais teño moitos amigos, e nunha terra que adoro, fai que sexa un dos premios máis emocionantes para min. E ponme retos, fai que desexe implicarme máis nunha terra que me ten dado tanto.

-Como dicía, en Barbanza hai moitos nomes ligados á cultura, ¿está en boa forma?

-Eu creo que si, e ademais vímolo na entrega dos premios. Toda a xente apostaba por continuar cos Sereos, por resistir por máis que os recortes están por varrer todo. Que a cultura está en forma é algo que se ve cando se pon a proba en momentos difíciles. Barbantia ten un anuario dunha calidade excepcional feito por persoas que queren continuar, que están por defender a cultura galega, e por crear a cultura. Nese sentido, non pode estar en mellor forma, e ten un bo pulso. E logo hai novos creadores que están aí asomando e que teñen moito que dicir.

-Interpretar, comunicar poesía, é só unha das súas facetas artísticas, ¿cal delas prefire?

-Non me podo quedar con unha soa porque forma parte do mesmo. A poesía para min sempre estivo aí, dende ben pequena, é como respirar. Quizais pola miña forma de ser, gústame a xente, comunicar, participar na sociedade, e, ao mesmo tempo, o silencio, estar arredada, e a escritura é algo íntimo.

-En Barbanza é coñecida, sobre todo, polo seu labor literario, pero traballou moitos anos en televisión.

-É que para min a comunicación é fundamental, fíxome moi feliz poder transmitir o que outros facían, entrevistar á xente é a miña paixón, era o que máis me gustaba e facíao sen esforzo, igual que podo estar horas dedicada á escrita. Cando comunicas poesía é distinto, non está mediado, é algo directo, de corpo a corpo, é unha adicción. Poder facer iso é unha das experiencias máis potentes.

-A súa paixón pola poesía venlle desde ben cativa, ¿como naceu esa inquietude?

-Hai o momento decisivo, seguramente o temos todos, e é moi importante atoparte coa persoa axeitada. Eu dei cunha mestra cando tiña 4 anos, nunha desas escolas unitarias na que as nenas pequenas estabamos coas maiores. A mestra leu un poema e quedei abraiada, catatónica, foi como se me abrisen unha fiestra no interior. Poesía é percibir o mundo dende aí. Non é que naquel momento decidira facerme poeta, a poesía non é construír un poema, iso é algo formal, percibir o poético pode facelo calquera. Iso é o máis importante que me deu esa experiencia infantil.

-¿En que proxectos anda?

-Veño de rodar unha película con Margarita Ledo, sigo preparando recitais, traballo noutro libro de poemas e estou escribindo, por fin, a miña experiencia de transplante medular, que é algo que sempre fun deixando, fun deixando, e agora púxenme a elo. Foi unha experiencia dura pero tamén moi rica para min.

-Cando un se enfronta a unha enfermidade grave, soe dicir que lle cambia a vida, ¿foi así?

-Cambioume a vida porque me impediu dedicarme ao que me estaba dedicando naquel momento, pero non houbo drama ningún, puiden facer outras cousas. Non sei se houbo un cambio persoal, iso terían que dicilo os demais, igual si, no sentido de que vivo máis intensamente se cabe, sen perder o tempo en tonterías. No que si cambiei máis profundamente foi nunha cousa: todo o que faga ten que ter un sentido. E dalgunha maneira implícaste máis na vida. A min fíxome facerme consciente da miña propia vulnerabilidade, pero ao mesmo tempo fíxome facerme máis forte. Foi un proceso que me madurou moitísimo.

Eva Veiga Poeta e xornalista

«De aquí en diante vai haber un maior número de mulleres artistas»

«Que a cultura está en boa forma é algo que se ve cando se pon a proba»