«Hai quen vai a Madrid a pasear, nós imos a traballar»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

A candidata afronta a recta final da campaña disposta a poñer toda a carne no asador para lograr un escano

15 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

De Rosana Pérez pode dicirse que é toda unha veterana na política. A súa traxectoria e os diferentes postos de responsabilidade que ocupou confirman esa afirmación, pero a concelleira pobrense está decidida a incrementar o seu currículo logrando un escano no Congreso para defender a Galicia «por diante de todo e por encima de todo». Metida de cheo na campaña, leva xa uns cantos quilómetros de percorrido por toda a provincia.

-¿Como vai a campaña? ¿É a primeira vez que é candidata nunhas eleccións xerais?

-Teño ido algunha outra vez, pero moito máis atrás, así que esta candidatura supuxo un reto e unha responsabilidade enorme. Pasei de facer campaña no meu pobo e na miña comarca a facelo en toda a provincia, e iso supón coñecer a problemática e a idiosincrasia de cada lugar. Ir de número dous é unha gran responsabilidade porque estou nos postos de saída ao Congreso e, aínda que estou acostumada ao debate política, o meu forte foi sempre a política local.

-Tamén ten a súa bagaxe como deputada provincial.

-Si, e é unha bagaxe moi importante, pero non deixa de ser política local.

-¿Con que expectativas mira cara o día 20?

-O BNG quere manter os dous deputados que ten e reforzar a súa representación, que podería ser gañando o segundo deputado pola Coruña. Levamos unha semana de campaña e vese que hai unha elevada porcentaxe de indecisos que non saben que van facer, e pode ser unha oportunidade para cumprir o obxectivo do BNG de reforzar a súa representación na Cámara.

-Tamén se palpa no ambiente un desencanto cos políticos en xeral e esa idea de que todos son iguais, ¿é iso realmente así? ¿Son todos iguais?

-En primeiro lugar, non existe unha clase política, non existe ese concepto, só somos persoas que nos dedicamos á política. ¿Que se somos todos iguais? Non, e podo dicir que ao BNG nos avala o traballo feito. Por exemplo, na pasada lexislatura, un senador do PP como Torres Colomer realizou 27 intervencións, mentres que o noso único representante no Senado fixo preto de cincocentas. Respecto a Galiza, non hai ningún outro grupo político que leve a Madrid todos os problemas do país, e nesta comarca temos unha restra de exemplos coma o conflito dos Areeiros ou o pazo de Goiáns. Hai quen vai a Madrid a pasear, nós imos a traballar.

-Fálase de que é posible que se dean unhas altas porcentaxes de abstención, ¿cre que isto prexudica aos partidos minoritarios?

-Polo de agora está por confirmar esa abstención que din que vai haber. A min o que me parece é que os cidadáns teñen un instrumento para manifestar o seu malestar e a súa indignación. Se non votamos, coido que logo non estamos lexitimados para protestar. O voto ao BNG é a única ferramenta para parar ao PP, é unha alternativa de esquerdas que sempre e prioritariamente ten a Galiza como obxectivo.

-¿Resulta difícil transmitir estas mensaxes nunhas eleccións como as xerais, que a xente ve como algo afastado deles?

-É certo que canto máis se afasta a Administración dos cidadáns, menos interese demostran, e neste caso concreto, despois de tres anos cunha crise económica e social bestial, entendo perfectamente que non teñan ganas de escoitar a ninguén. Pero, se a única ferramenta que temos para sacar do poder a quen non queremos é o voto, utilicémolo, digámoslle non ás políticas de dereitas e si a unha política de esquerdas real.

-Se sae elixida, ¿cal será a súa liña de traballo no Congreso?

-Galiza por diante de todo e por encima de todo, e falo dos nosos cidadáns e sectores produtivos, que, por certo, na comarca temos moitos e hainos que defender. O BNG é a garantía de que o país estará presente na política nacional.

Rosana Pérez Número 2 do BNG ao Congreso