75 anos da morte de Lustres

La Voz

BARBANZA

O xornalista de Santa Uxía foi asasinado o 10 de novembro no 1936

08 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A principios de 1984 tiña a oportunidade de falar amplamente con dona Inés Lustres Rivas. Muller de idade avanzada e irmá do insigne xornalista riveirense, Manuel Lustres, de quen este xoves día 10 se cumprirán 75 anos do seu asasinato en Redondela. Aquela muller, que fora mestra, contoume nos seus momentos de lucidez algunhas vivencias da súa xuventude e do seu irmán. Faríao no interior do pouco que quedaba da vella casa familiar, xa abandonada e situada na hoxe rúa Galicia, antiga Venecia, e daquela rúa Xeneral Franco esquina Santa Uxía. Naquela charla, que por certo aínda conservo en fita, debullamos a vida e a traxectoria dun home unido ós movementos galeguistas de principios do século XX e que estaría vinculado ó seu amigo e compañeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Manuel Lustres Rivas naceu o 11 de xaneiro de 1888. Fillo de María Rivas Otero e do piloto mercante José Lustres González, viviría os seus primeiros anos na casa familiar e examinaríase de Bacharelato en Santiago. Posteriormente iniciaría a carreira de Medicina, onde coñecería a Castelao. Alí participaría nos faladoiros do emblemático café Colón, onde, ademais de coincidir co rianxeiro tamén o faría con Cabanillas, Montero e Fernández Matos.

Mestre de periodistas

Lustres non rematou os seus estudos universitarios, xa que a súa vocación levouno ó mundo do xornalismo, onde foi considerado mestre de periodistas.

En 1906 traballa en El Miño de Ourense, e posteriormente colaora en Galicia Nueva de Vilagarcía, e Galicia Moza en 1909, un pequeno folleto tan revolucionario para a época que tiveron que imprimilo en Arousa, xa que en Santiago negáronse a facelo. Nesta última publicación contaría coa participación de Castelao, sendo a primeira vez que o rianxeiro debuxaba unha cabeceira para a prensa.

A súa época de maior esplendor xorde a raíz do Manifesto de Ourense ou de agosto, asinado en 1912 e coincidente coa época máis radical do movemento social e campesiño do primeiro terzo do século. As reivindicacións de carácter agrario do campesiñado eran o que se pretendía recoller naquel manifesto, que asinarían, ademais de Rivas, Basilio Álvarez (líder do movemento), Fernando Manto, López Auydillo, Montero Mejuto e Rodríguez Pavón. Este movemento coñeceuse co nome de Liga de Acción Gallega, e desenvolveu as súas actividades nas provincias de Ourense e Pontevedra.

En 1914 desaparece o Heraldo Gallego, xornal voceiro do movemento, que dirixía o riveirense. As continuas denuncias e causas xurídicas polo seu radicalismo dan lugar ó peche do diario. Lustres entón trasládase a Madrid e colabora en España Nueva, España Libre e en El Liberal. Crónica de Vigo, La Jornada, El Sol e La Publicidad de Barcelona serían outros dos medios xornalísticos que contaron cos escritos do riveirense e converteron a Lustres nunha das figuras máis destacadas do periodismo español.

Gabanza de Castelao

De regreso a Galicia en 1918, volve a colaborar con Vida Gallega, revista na que faría a que sería a primeira gabanza da figura de Castelao nun artigo titulado Los que triunfan . Nese mesmo ano e ata 1922 figura tamén como redactor de La Concordia de Vigo, ano no que abandona o agrarismo de Basilio Álvarez.

Definido como un home vacilante na súa traxectoria persoal e política, sufriu os efectos dunha campaña de desprestixio, organizada polos caciques da época, e que tamén acadaría a Basilio Álvarez.

Político radicalista, alcanza gran notoriedade na polémica coas Irmandades da Fala de Monforte, en febreiro de 1912, tomando partido por Vicente Risco. Este apoio supúxolle un enfrontamento cos antigos compañeiros agraristas, que o acusaron de deixarse levar polos políticos.

No ano 1922 pasa a ser redactor xefe do xornal Galicia. Diario de Vigo, que viu a luz o 25 de xullo, e no que participan Paz Andrade, Rafael Dieste, Losada Diéguez, Ksado e o propio Castelao, entre outros. Neste xornal defendeuse durante os catro anos que tivo de vida a autonomía galega.